- A calma e o respecto son as mellores ferramentas para facer fronte a unha situación excepcional que require de cidadáns exemplares.
Cerceda, a 15 de marzo de 2020.- Hoxe celébrase o Día Mundial do Consumo Responsable, unha xornada na que se impón a análise e a reflexión cidadá ante unha crise sanitaria derivada do coronavirus (COVID19) que require da colaboración e o traballo coordinado de todos os sectores sociais para superala con éxito.
Ante a declaración do estado de alarma, cuxa pretensión é precisamente garantir a saúde e o benestar da poboación, debe rexer a cordura e a prudencia e non caer no pánico colectivo, que inevitablemente arrástranos ao caos.
Os servizos básicos están garantidos e os establecementos de alimentación dispoñen de liberdade horaria para atender as demandas dos consumidores. Empaticemos cos traballadores e traballadoras dos supermercados e tendas abertas ao público, comprendamos a súa situación e fagamos o seu labor máis fácil. Fuxamos dos bulos, adquiramos o necesario e non enchamos o noso carro de forma compulsiva con eses artigos que caducarán máis pronto que tarde e que acabarán no cubo do lixo, incrementando as taxas do desperdicio alimentario.
A calma, a tranquilidade, o respecto e a toma de conciencia son as mellores ferramentas das que dispoñemos nestes momentos para facer fronte a unha situación excepcional que require de medidas excepcionais e de cidadáns exemplares.
Sigamos as recomendacións das autoridades competentes, non colapsemos os servizos de Saúde, o noso maior tesouro. Coidemos dos nosos maiores, e, en caso de síntomas, sigamos as instrucións da Consellería de Sanidade. E aplaudamos cada día o encomiable esforzo de todos aqueles que se expoñen para protexernos.
Fagámolo máis fácil. Quedemos na casa e sigamos as normas con lealdade e responsabilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay