- Sogama colaborou nesta cita, que se estendeu desde o 16 ao 24 de novembro, coa súa campaña “Corta polo san! Reduce residuos”, cuxo obxectivo era trasladar a distintos colectivos sociais as pautas para xerar menos refugallos en distintos escenarios da vida cotiá.
- En colaboración con concellos e centros escolares de distintos puntos de Galicia, monitores de Sogama impartiron sesións formativas orientadas a asociacións veciñais, cidadáns en xeral e escolares de distintos niveis educativos.
- Durante as distintas xornadas, reservouse un espazo para que os asistentes puidesen consultar dúbidas, facer preguntas e ata compartir os seus coñecementos e experiencias, sendo obsequiados con bolsas de tea e diverso material didáctico e de merchandising.
Cerceda, a 26 de novembro de 2019.- Do 16 ao 24 de novembro, tivo lugar a Semana Europea da Prevención de Residuos, unha cita anual coa que se pretende recordar á poboación a importancia transcendental que ten o consumo responsable e a redución para a xestión sostible dos residuos, atendendo á máxima de que “o mellor residuo é o que non se produce”.
Neste marco, e tal e como veu facendo en edicións anteriores, Sogama colaborou nesta iniciativa a través da súa campaña “Corta polo san! Reduce residuos”, coa que pretendía trasladar consellos e boas prácticas vinculadas á menor xeración de lixo en distintos escenarios da vida cotiá: o fogar, o traballo, a escola, a compra, o tempo de lecer, etc.
En colaboración con concellos e centros escolares de distintos puntos de Galicia, monitores de Sogama impartiron sesións formativas orientadas a asociacións veciñais, cidadáns en xeral e escolares de distintos niveis educativos.
PEQUENOS XESTOS CON GRANDES BENEFICIOS
Falouse dos tipos de residuos domésticos que se xeran a diario, da xestión que debe recibir cada fracción, da actividade de Sogama e de sinxelos xestos cos que reducir a xeración de lixo.
Levar a propia bolsa de casa á compra, priorizar a adquisición de produtos a granel e co menor envase posible, reparar os obxectos a fin de alongar a súa vida útil, prestar atención ao desperdicio alimentario (revisar previamente a despensa e a neveira para consumir antes os artigos máis antigos, diferenciar entre data de consumo preferente e data de caducidade, axustar as racións ao número de comensais, conxelar as sobras e utilizalas para a elaboración de novos menús), así como compostar os desperdicios alimentarios non comestibles, constitúen algunhas das boas prácticas que axudarán a xerar menos refugallos.
Así mesmo, abordáronse os pormenores do lixo mariño e os seu negativo impacto sobre os ecosistemas, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana, toda vez que os microplásticos regresan as nosas mesas a través do peixe que comemos e o sal co que aderezamos os nosos pratos.
Durante as distintas xornadas reservouse un espazo para que os asistentes puidesen consultar dúbidas, facer preguntas e ata compartir os seus coñecementos e experiencias, sendo obsequiados con bolsas de tea e diverso material didáctico e de merchandising.
Adicionalmente, e xa a marxe destas citas presenciais, remitiuse unha presentación dinámica con recomendacións vinculadas á prevención de residuos a todos os centros escolares de primaria e secundaria.
O obxectivo último é que a prevención e a redución estean presentes durante todas as semanas do ano.
Saúdos ,Departamento de Comunicación