- A conferencia, que arrincou onte en Montreal, é especialmente relevante, xa que se prevé a adopción dun novo marco mundial sobre diversidade biolóxica posterior a 2020
- Urxe un acordo global, pois son xa un millón de especies de plantas e animais as que están en perigo de extinción, coa particularidade de que a existencia da humanidade depende de ter aire limpo, comida e un clima habitable, tres dimensións reguladas polo mundo natural
- Os ecosistemas saudables tamén son fundamentais para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e limitar o quecemento global a 1,5 °C
Cerceda, a 8 de decembro de 2022.- A Conferencia das Nacións Unidas sobre Diversidade Biolóxica, coñecida como COP15, arrincou onte, 7 de novembro, en Montreal e estenderase ata o próximo día 19. Na mesma daranse cita gobernos de todo o mundo para acordar e concretar, entre outras cuestións, un novo conxunto de obxectivos e metas que orientarán a acción mundial en favor da natureza de aquí a 2030.
A COP deste ano é particularmente importante, xa que está previsto que se adopte un novo marco mundial sobre diversidade biolóxica posterior a 2020, que será o primeiro adoptado desde as Metas de Aichi, en 2010.
O marco establece un plan ambicioso para transformar a relación da sociedade coa biodiversidade e garantir que, para 2050, se cumpra a visión compartida de vivir en harmonía coa natureza.
O proxecto do marco mundial debe abordar os cinco factores principais que agravan directamente a perda da natureza: o cambio no uso do mar e a terra; a sobreexplotación dos seres vivos; o cambio climático; a contaminación; as especies invasoras non autóctonas; e o consumo e a produción insostibles.
A BIODIVERSIDADE, ESENCIAL PARA A VIDA
Malia os esforzos en curso, a biodiversidade está a deteriorarse en todo o planeta como resultado da actividade humana e prevese que esta degradación empeore se non se toman medidas audaces. Son xa un millón de especies de plantas e animais as que están en perigo de extinción.
Pola súa banda, a existencia da humanidade depende de ter aire limpo, comida e un clima habitable, tres dimensións reguladas polo mundo natural. Un planeta san é tamén o fundamento de economías resilientes. Máis da metade do PIB mundial, equivalente a US$ 41,7 billóns, depende de ecosistemas saudables.
Ademais, milleiros de millóns de persoas nos países desenvolvidos e en desenvolvemento benefícianse diariamente da natureza e das súas achegas: alimentos, enerxía, materiais, medicamentos, actividades recreativas e un gran número de contribucións vitais ao benestar humano.
Os ecosistemas saudables tamén son fundamentais para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e limitar o quecemento global a 1,5 °C, se ben é probable que o cambio climático convértase nun dos maiores factores causantes da perda de biodiversidade para finais do presente século.
A COP15 ten como obxectivo lograr un acordo histórico para deter e reverter a perda da natureza, conforme ao establecido no Acordo Climático de París de 2015. Polo tanto, o que se vai adoptar en Montreal será esencialmente un plan global para salvar a decrecente biodiversidade do planeta.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: JBA