- Tomando como referencia a lista dos artigos e a ubicación, mostra nun mapa os comercios máis próximos onde o usuario pode adquirir os produtos que necesita a granel.
- Baixo a denominación Go Zero Waste, a aplicación conta cunha base de datos de máis de 170 tendas de 20 cidades españolas e está dispoñible para dispositivos Android e IOS.
- Tamén axuda a introducirse no estilo de vida “residuo cero” por medio de elementos de ludificación en forma de retos cotiáns para que os usuarios fagan cambios no seu día a día.
Cerceda, a 30 de agosto de 2019.- Consumir sen xerar residuos constitúe todo un reto nas sociedades modernas. Tendo en conta as dificultades ás que se enfronta o cidadán e a cultura do envase na que estamos inmersos, un graduado da UOC, Martí Morató, xunto con outros emprendedores, creou unha aplicación para móbiles denominada Go Zero Waste.
Tomando como referencia a lista da compra e a localización, a aplicación mostra nun mapa os comercios máis próximos onde o usuario pode adquirir os produtos que necesita a granel, evitando desta forma os envases plásticos. Conta cunha base de datos de máis de 170 tendas de 20 cidades españolas e está dispoñible para dispositivos Android e IOS desde o pasado mes de xullo. O mapa de comercios crece grazas aos propios usuarios, que poden engadilos desde a mesma aplicación.
Tamén axuda a introducirse no estilo de vida “residuo cero” por medio de elementos de ludificación en forma de retos cotiáns para que os usuarios fagan cambios no seu día a día. Así mesmo, conta cunha calculadora para saber a cantidade de refugallos que o cidadán deixou de xerar.
Morató considera que a solución está en reducir o consumo. “Quen ten o poder de decisión final é o cliente, e se decide comprar de forma sostible, as empresas empezarán a pensar como poden ofrecer o produto de forma sostible”, asegura.
Go Zero Waste foi finalista do programa SpinUOC, que proporciona asesoramento e oportunidades de contactos a estudantes, graduados e traballadores da UOC para os seus proxectos.
Dado que hai persoas que non teñen tempo para facer a compra en máis dunha tenda, o equipo quere poñer en marcha unha plataforma asociada a esta aplicación para repartir compras a domicilio, levándoas en envases reutilizables a pé, en bicicleta ou en moto eléctrica, de tal forma que non se xeren nin residuos nin emisións.
Así mesmo, queren crear un sistema loxístico de dispensación, recollida e lavado de envases reutilizables que ofrecerían nos propios establecementos aos consumidores no caso de que estes non puidesen traer os seus propios.
Fonte: UOC
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación