- Investigadores do Instituto Tecnolóxico de Karlsruhe, en Alemaña, desenvolveron, a partir de materiais naturais, unha pantalla impresa biodegradable axeitada para aplicacións de ciclo de vida curto, como é o diagnóstico médico ou o control da calidade dos envases alimentarios.
Cerceda, a 13 de febreiro de 2021.- Debido ao maior uso de dispositivos electrónicos nos consumibles e as novas tecnoloxías para o internet das cousas (IoT), prevese que, nos próximos anos, creza de forma exponencial a chatarra electrónica. É por isto que se debe avanzar cara a unha produción máis ecolóxica e un ciclo de vida máis sostible para os artigos a fin de aforrar recursos e minimizar a cantidade de residuos xerados.
Científicos do Instituto Tecnolóxico de Karlsruhe (KIT), en Alemaña, foron os primeiros en crear pantallas biodegradables, un proceso xa comprobado e certificado por unha entidade independente. Os resultados publicáronse no Journal of Materials Chemistry.
O funcionamento da pantalla baséase no chamado efecto electrocrómico do material orgánico inicial. Cando se aplica unha voltaxe, modifícase a absorción da luz e o material cambia de cor. As pantallas electrocrómicas teñen un baixo consumo de enerxía e unha arquitectura de compoñentes sinxela en comparación coas pantallas dispoñibles no mercado, como o LED, o LCD e o papel electrónico.
Outra vantaxe é que estas pantallas poden producirse mediante impresión de chorro de tinta de forma personalizada, económica e eficiente. Os materiais utilizados son principalmente de orixe natural ou biocompatibles, e a selaxe con xelatina fai que a pantalla sexa adhesiva e flexible, de modo que se pode utilizar directamente sobre a pel.
USO EN APLICACIÓNS DE CICLO DE VIDA CURTO
A pantalla é axeitada para aplicacións de ciclo de vida curto en diversos sectores. Por exemplo, no diagnóstico médico, onde a hixiene desempeña un papel importante, xa que os sensores e os seus indicadores deben limparse ou refugarse despois do seu uso. O novo indicador desenvolvido non se tratará como un residuo electrónico, senón que é compostable.
Tamén pode utilizarse para controlar a calidade dos envases alimentarios, onde non é viable a súa reutilización.
A impresión dixital permite adaptar as pantallas a persoas ou a formas complexas sen necesidade de realizar custosas modificacións no proceso. Isto reduce o consumo de recursos.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional