- No marco da crise sanitaria orixinada polo COVID-19, o chef italiano Máximo Bottura, promoveu un programa familiar que mostra como preparar deliciosas comidas cos ingredientes que regularmente poden atoparse no fogar.
- Coas súas técnicas, axuda a diminuír o número de veces que as persoas necesitan desprazarse ao supermercado para comprar e ensina algúns trucos para minimizar o desperdicio de alimentos.
- Bottura quere inspirar novas accións ao evidenciar que podemos crear pratos deliciosos e nutritivos cos ingredientes que habitualmente descartamos, como é o caso das verduras imperfectas ou algúns produtos que poden usarse logo das súas datas de vencemento.
Cerceda, a 8 de abril de 2020.- O chef líder do restaurante de tres estrelas Michelin Osteria Francescana, en Módena, e cofundador xunto coa súa esposa Lara Gilmore de Food for Soul (Comida para a alma), unha organización que loita contra o desperdicio de alimentos a través da inclusión social, está inspirando e entretendo aos seus seguidores ao concentrar a súa enerxía acumulada en Kitchen Quarantine (Cuarentena na cociña), un programa familiar transmitido en Instagram que mostra como preparar deliciosas comidas cos ingredientes que regularmente poden atoparse na casa.
Coas súas técnicas, Bottura axuda a reducir a cantidade de veces que as persoas necesitan desprazarse ao supermercado para comprar -o que á súa vez diminúe o risco de propagar e contraer o virus- e ensina algúns trucos para minimizar o desperdicio de alimentos.
Ao redor dun terzo de todos os alimentos producidos pérdense ou desperdícianse cada ano, o que equivale a 1.300 millóns de toneladas anuais. Isto implica que estamos malgastando recursos valiosos, como a auga e a terra que se utiliza para cultivar eses alimentos. Reducir o desperdicio de comida axudará a aforrar estes recursos e atenuar as causas do cambio climático, que é en si mesmo unha gran ameaza para a saúde humana.
Frear o desperdicio de alimentos é unha prioridade para Food for Soul. Cos seus proxectos de “refettorio” (comedores) en todo o mundo recuperou máis de 200 toneladas de excedente de alimentos que terminarían en vertedoiros. Estes produtos transfórmanse en comidas nutritivas que se serven nun ambiente agradable para os que experimentan unha vulnerabilidade social extrema, incluídas persoas sen fogar e refuxiados.
Bottura quere inspirar novas accións sobre o desperdicio de alimentos en toda a sociedade ao mostrar que podemos crear pratos deliciosos e nutritivos cos ingredientes que habitualmente descartamos, como as verduras imperfectas ou algúns produtos que poden usarse logo das súas datas de vencemeento.
“Todos podemos ser parte da solución ao mirar os ingredientes de forma distinta. O desafío é pensar, por exemplo, nunha mazá ou unha banana máis aló das súas imperfeccións: aínda poden ser sabrosos e nutritivos se se utilizan axeitadamente. O meu consello é comprar segundo a tempada e atopar formas creativas de usar o que tes en lugar de saír sempre e comprar máis comida”, explicou.
O desperdicio é só unha parte do problema. O crecente consumo de alimentos intensivos en recursos tamén está impulsando un maior cambio no uso do solo para a agricultura, o cal implica destrución de ecosistemas, redución de biodiversidade e cambio climático.
No centro dos desafíos que enfronta a humanidade, xa sexan pandemias emerxentes, perda de biodiversidade ou cambio climático, está a nosa relación disfuncional coa natureza. A medida que saiamos da pandemia do COVID-19 nun mundo que cambiará enormemente, necesitaremos desenvolver unha relación moito máis saudable co planeta.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay