- Utilizar xogos, facelos protagonistas, ensinarlles o poder dos xestos sinxelos, así como a importancia de ser pacientes e conciencialos sobre a importancia de adquirir produtos e servizos sostibles son, entre outras, algunhas das estratexias pedagóxicas a seguir.
Cerceda, a 11 de agosto de 2020.- O consumidor responsable é aquel que adquire produtos ou servizos guiado por criterios medioambientais e sociais, e mantén en todo momento unha conduta consciente e crítica para o uso máis eficiente dos recursos.
Así se destaca nun artigo publicado na plataforma Consumer, onde se incide tamén na necesidade de educar aos nenos nesta liña para que o seu modelo a seguir sexa consumir menos e facelo de forma máis sostible.
1. Dar exemplo é a mellor escola
Os adultos (pais, profesores…) “son o principal referente no que se fixan os máis pequenos á hora de adquirir pautas e hábitos”.
2. Educalos xogando
Inscribir aos fillos en talleres ou actividades en ludotecas onde se realicen xogos sobre consumo ou ben fomentalos na casa e adaptar o tipo de linguaxe utilizada en cada caso.
3. Ensinar a consumir menos
É importante que os nenos se pregunten “que é prescindible e que non” e que sexan críticos e cheguen ao fondo das cuestións”. É preciso explicarlles que é crucial consumir menos, porque a reciclaxe non é a solución a todas as toneladas de residuos que xeramos.
4. Comprar produtos sostibles
Ao facer as compras, ensinar aos pequenos a elixir os produtos polo seu prezo e a súa calidade, pero tamén polo seu respecto ambiental.
- Adquirir artigos con envases lixeiros (non sobreenvasados).
- Apostar polos produtos a granel.
- Substituír as bolsas plásticas dun só uso por bolsas reutilizables, cestas, etc.
- Usar carro para facer a compra e así non empregar bolsas para o transporte.
- Evitar beber auga embotellada en plástico; só en vidro ou outro tipo de envase. O máis conveniente é beber auga do grifo en lugar de adquirila embotellada.
5. Facer protagonista ao neno
Gústalles axudar e colaborar, e realmente contribúen a transformar os costumes familiares, pois, en moitas ocasións, “son eles, a partir do traballo levado a cabo na escola, os que levan novos hábitos aos fogares”
6. Ensinar o poder dos xestos sinxelos
Apagar as luces, pechar os grifos para aforrar auga, baixar a calefacción, etc. En definitiva, trasladarlles “como o feito de aforrar electricidade, calefacción, auga ou combustible fai que mellore a calidade de vida da colectividade”.
7. A importancia de esperar
Resulta esencial facerlles ver que, antes de comprar algo que lles guste, “deben deixar pasar un tempo para saber se de verdade o queren ou é un capricho pasaxeiro“. E, aínda que o tiveran decidido, é conveniente que agarden para conseguilo: aforrar a paga, analizar se se adecúa ás pautas de consumo recomendadas, etc.
8. Consumo máis solidario
Ao adquirir produtos é necesario mostrar aos pequenos a importancia de que sexan solidarios, xa que son elaborados por empresas que cumpren cos dereitos humanos e a xustiza social.
Fonte: Consumer
Imaxe: Pixabay