-
O cuarto período de sesións do Comité Intergobernamental de Negociación, celebrado en Ottawa e no que se deron cita máis de 2.500 delegados, concluíu cun proxecto avanzado de texto
-
Entre outras cuestións, debateron sobre emisións e liberacións; produción; deseño de produtos; xestión de residuos; plásticos problemáticos e evitables; financiamento, e unha transición xusta
Cerceda, a 6 de maio de 2024.- O pasado 29 de abril concluíu en Ottawa o cuarto período de sesións do Comité Intergobernamental de Negociación, encargado de elaborar un instrumento internacional xuridicamente vinculante sobre a contaminación por plásticos, incluído o medio mariño. O resultado foi un proxecto avanzado de texto que se completará no quinto período de sesións (INC-5), a celebrar en Busan o próximo mes de novembro.
En Ottawa déronse cita máis de 2.500 delegados, en representación de 170 membros e máis de 480 organizacións observadoras, constituíndo a reunión máis multitudinaria e inclusiva do Comité ata a data, cun aumento da participación de observadores de case o 50%.
Entre outras cuestións, as delegacións debateron sobre emisións e liberacións; produción; deseño de produtos; xestión de residuos; plásticos problemáticos e evitables; financiamento, e unha transición xusta.
Acordouse un traballo entre sesións -reunións de expertos que teñen lugar entre as sesións oficiais do INC- co fin de que se catalice a converxencia en cuestións crave, e creouse un Grupo de Redacción Xurídica de Composición Aberta que se formará no INC-5 e que actuará como asesor, revisando elementos do proxecto de texto para garantir a súa solidez xurídica.
O Presidente do INC, o Embaixador Luis Vayas, deu as grazas ao Goberno de Canadá por acoller a sesión, así como aos membros do Comité, os observadores, os cofacilitadores, o persoal de apoio e a Secretaría do INC, e ao seu equipo.
Pola súa banda, Jyoti Mathur-Filipp, Secretaria Executiva da Secretaría do INC, manifestou que "os membros deben chegar a Busan dispostos a cumprir o seu mandato e acordar un texto final do instrumento, xa que isto é máis que un proceso, é o cumprimento do seu compromiso de salvar ás xeracións futuras da secuela mundial da contaminación por plásticos".
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay