- Sogama invita aos pequenos da casa a seguir conectados durante os meses de verán á plataforma educativa www.cadernoverde.gal para ampliar os seus coñecementos medioambientais.
- A Familia Trebón e os Amigos de Vilaverde acompañarán aos nenos e nenas na aprendizaxe das boas prácticas para protexer a contorna e contribuír a un mundo mellor.
Cerceda, a 1 de xullo de 2020.- Coincidindo co inicio das vacacións de verán dos escolares, a plataforma educativa de Sogama “Caderno Verde” www.cadernoverde.gal invita aos pequenos da casa a seguir conectados á protección da contorna a través das súas múltiples accións online.
Da man da Familia Trebón e os Amigos de Vilaverde, os nenos e nenas poderán coñecer os pormenores do medio ambiente dunha forma transversal, utilizando como canle as distintas materias obxecto de estudo contempladas no currículum académico (Coñecemento do Medio, Inglés, Matemáticas, Lingua galega, Lingua castelá e Educación artística). Desta forma, posibilítase unha dobre aprendizaxe, tanto da propia disciplina en si como das distintas temáticas vinculadas ao coidado do planeta. É o caso da reciclaxe, que ten un gran protagonismo, así como da natureza, a mobilidade sostible, a loita contra o cambio climático, as enerxías renovables e a biodiversidade.
Alumnos e alumnas de educación infantil e de primaria (1º, 2º e 3º ciclo), teñen a súa disposición un amplo abano de áreas de estudo e de actividades coas que afianzar e complementar coñecementos, á vez que se entreteñen e gozan.
Ben en forma de ecocontos, unidades didácticas descargables ou xogos, os pequenos teñen a posibilidade de aprender máis sobre consumo responsable e xestión sostible dos residuos urbanos, deténdose especialmente na prevención e redución da xeración de lixo, no máximo aproveitamento dos produtos a través da súa reutilización, na correcta separación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores axeitados para posibilitar o seu reciclado, así como na compostaxe da materia orgánica, tanto doméstica como industrial.
En todo caso, constitúe unha ferramenta formativa para que os nenos e familias incorporen a súa vida diaria hábitos respectuosos co medio ambiente e que tomen conciencia da importancia que ten coidar a contorna para a saúde e o benestar das xeracións actuais e futuras.
Saúdos, Departamento de Comunicación