- Así o manifestou Marián Sanmartín, concelleira de Medio Ambiente en Marín (Pontevedra), no programa radiofónico Ecovoz.
- Se ben os esforzos do ente local viñéronse centrando na concienciación da poboación en torno á recollida selectiva de distintas fraccións de residuos, o certo é que a compostaxe está a calar con forza.
- Tras ter repartido 100 composteiros nunha das parroquias, a demanda creceu exponencialmente. A estes sumáronse outros 300 e aínda dispoñen dunha partida de 100, pendentes de entregar tralo paréntese imposto polo estado de alarma (Covid-19).
Cerceda, a 19 de maio de 2020.- A concelleira de Medio Ambiente do concello de Marín (Pontevedra), Marián Sanmartín, móstrase convencida de que a protección do medio ambiente constitúe unha prioridade para o benestar das actuais e futuras xeracións, e que a colaboración cidadá debe comezar por coidar a contorna máis inmediata, sendo a correcta xestión dos refugallos urbanos un aspecto clave.
Nunha entrevista concedida ao programa radiofónico Ecovoz (Radio Voz Galicia), Sanmartín manifestou que, en materia de residuos, os esforzos do ente local viñéronse centrando especialmente na formación e concienciación dos veciños respecto da correcta segregación dos residuos en orixe e o seu posterior depósito nos contedores axeitados para propiciar a súa reciclaxe. Non obstante, precisou que, a día de hoxe, a compostaxe da materia orgánica está a calar con forza e o programa desenvolvido polo concello de Marín está resultando moi exitoso.
A COMPOSTAXE, EN LIÑA ASCENDENTE
Aínda que comezaron tímidamente coa distribución de 100 composteiros noutras tantas vivendas da parroquia de Pardavila, “cada vez eran máis as familias que demandaban un recipiente destas características para elaborar o seu propio abono”. Posteriormente, distribuíron outros 300 composteiros e agora están pendentes de repartir outros 100; unha acción que quedou truncada polo decreto do estado de alarma, pero que retomarán en canto resulte posible.
Marián Sanmartín indicou que, a fin de garantir a correcta operativa por parte dos usuarios no ámbito da autocompostaxe, estes reciben previamente un pequeno curso presencial no que un técnico lles explica a dinámica a seguir: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura.
As motivacións que levan ás familias a participar nesta iniciativa son moitas: desde a oportunidade de xestionar os seus propios residuos orgánicos, evitando o traslado dos mesmos aos contedores verdes xenéricos, ata razóns de comodidade e a oportunidade de elaborar o seu compost, que utilizan logo como fertilizante natural nos seus xardíns e hortas.
A responsable da área de medio ambiente de Marín considera que chegou o momento de actuar e visualizar o planeta como o que é, formando parte da nosa vida e tomando conciencia de que, se o maltratamos, atentamos contra nosa propia existencia.
Confía en que os máis pequenos sigan levando a cabo unha tarefa educativa, xa que son os verdadeiros embaixadores da sostibilidade e os que dan leccións nas súas casas sobre como preservar o medio ambiente.
Saúdos, Departamento de Comunicación