- Hoxe conmemórase o Día Mundial Sen Tabaco, unha efeméride coa que se quere poñer de relevo os seus efectos letais sobre a saúde e a contorna
- As cabichas dos cigarros son un dos residuos máis comúns en todo o mundo e os que máis se recollen en praias e beiras de ríos e lagos, filtrándose as súas substancias perigosas aos medios acuáticos e ao solo
- Estímase que as emisións da produción de tabaco equivalen a tres millóns de voos transatlánticos
Cerceda, a 31 de maio de 2023.- A conmemoración do Día Mundial Sen Tabaco, data instituida pola Asemblea Mundial da Saúde en 1987, e que desde entón celébrase cada 31 de maio, pretende chamar a atención sobre a epidemia do tabaquismo e os seus efectos letais, ademais de informar sobre o que as persoas poden facer para reivindicar o seu dereito á saúde e a unha vida sa.
“Cultivemos alimentos, non tabaco”, é o lema elixido pola OMS para este ano, sendo o seu obxectivo animar aos gobernos a que poñan fin ás subvencións para os cultivos de tabaco e que, no seu lugar, axuden aos agricultores a que os substitúan por outros máis sostibles que melloren a seguridade alimentaria e a saúde das persoas e do planeta.
Máis aló das nocivas consecuencias sobre a saúde, o benestar social e a economía, o consumo de tabaco tamén afecta o medio ambiente:
- As cabichas de cigarros son un dos residuos máis comúns en todo o mundo e os máis recollidos en praias e beiras de ríos e lagos.
- Nas cabichas identificáronse substancias perigosas, entre elas arsénico, chumbo, nicotina e formaldehído, que se filtran aos medios acuáticos e ao solo.
- O fume do tabaco pode contribuír de maneira apreciable aos niveis de contaminación do aire nas cidades.
- A maioría dos cigarros acéndense con mistos ou encendedores de gas. Se, por exemplo, utilízase un fósforo de madeira para acender dous cigarros, considerando que se fuman seis billóns en todo o mundo cada ano, requiriríase a talla duns nove millóns de árbores para producir tres billóns de fósforos.
- Os cigarros electrónicos e os produtos de tabaco quentados poden conter pilas que requiren unha eliminación especial, así como produtos químicos, envases e outros materiais non biodegradables.
- Na actualidade, a maioría dos cartuchos de plástico para cigarros electrónicos non son reutilizables nin reciclables; as empresas transnacionais tenden a vender os refugables, presumiblemente para aumentar as vendas a través de clientes habituais.
- Estímase que as emisións da produción de tabaco equivalen a tres millóns de voos transatlánticos.
- O fume do tabaco contén tres tipos de gases de efecto invernadoiro (dióxido de carbono, metano e óxidos nitrosos) e contamina tanto contornas interiores como exteriores.
- A deforestación para o cultivo de tabaco ten consecuencias ambientais graves, entre elas a perda de biodiversidade, a erosión e degradación do solo, a contaminación da auga e o aumento do dióxido de carbono atmosférico.
- O cultivo de tabaco adoita entrañar un uso considerable de substancias químicas tales como praguicidas, fertilizantes e reguladores do crecemento, que poden afectar ás fontes de auga potable debido á escorrentía das zonas de cultivo de tabaco.
- Por cada 300 cigarros producidos (uns 1,5 cartóns), necesítase unha árbore soa para a cura da folla de tabaco.
- Cunha produción anual de seis billóns de cigarros, cada ano fabrícanse uns 300.000 millóns de paquetes para produtos de tabaco (a 20 cigarros por paquete). Se consideramos que cada paquete baleiro pesa uns seis gramos, isto supón unhas 1.800.000 toneladas de envases usados, compostos por papel, tinta, celofán, papel de aluminio e pegamento. Se a isto se suman os residuos dos cartóns e caixas que se utilizan para a distribución e o empaquetado, o total anual de refugallos tras o consumo excede as 2.000.000 de toneladas.
Fonte e imaxe: Organización Mundial da Saúde