- A presidenta, María Eugenia Limón Bay, acompañada por membros do seu equipo, visitou o Complexo Medioambiental de Cerceda para comprobar de primeira man o seu labor e funcionamento
- Á cita acudiu tamén a directora xeral de CalidadeAmbiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Sagrario Pérez-Castellanos
- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, foi o encargado de explicar as distintas facetas de actividade da empresa, tendo en conta que van máis aló da área industrial, levando a cabo un importante labor no ámbito educativo e sociolaboral
Cerceda, a 3 de agosto de 2021.- A presidenta da Deputación Provincial de Huelva, María Eugenia Limón Bay, xunto con membros do seu equipo, visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) co fin de comprobar de primeira man o seu labor e funcionamento, ademais de coñecer a súa traxectoria, evolución histórica e previsións de futuro.
Acompañábana Rosa María Tirador Villaseñor, deputada da Conca Mineira e asistencia á Vicepresidencia de Innovación Local; Pedro Luís García García, director estratéxico de Innovación Local; Luís Carlos Barrero García, xefe de gabinete da Presidencia; e Raimundo Miranda Miranda, xefe de servizo de Medio Ambiente e Enerxía.
Á cita acudiu tamén a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Sagrario Pérez-Castellanos.
TRIPLA VERTENTE: INDUSTRIAL, ECONÓMICA E SOCIAL
O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, foi o encargado de explicar, nunha reunión mantida na sede desta compañía pública, as distintas facetas de actividade da empresa, tendo en conta que van máis aló da área industrial, levando a cabo un importante labor no ámbito educativo e sociolaboral.
Neste sentido, lembrou os numerosos programas pedagóxicos e campañas de concienciación promovidas por Sogama, da man da Xunta de Galicia, para reforzar a formación da cidadanía na xestión sostible dos residuos urbanos, así como a contribución da empresa á creación de riqueza e emprego, con 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.
Domínguez fixo especial fincapé no proceso de transformación loxística e de xestión dos últimos anos, posibilitado pola ampliación do Complexo cercedense ao incrementar a súa capacidade de tratamento nun 81%, pasando desde as 550.000 toneladas anuais a 1.000.000. Así mesmo, incidiu na firme aposta de Sogama pola industria 4.0, permitíndolle recuperar, do lixo en masa, os materiais susceptibles de ser reciclados.
Detívose tamén en amosar os datos que acreditan as baixas emisións da Planta Termoeléctrica, grazas á incorporación de tecnoloxías de última xeración que garanten unha operativa absolutamente respectuosa co medio ambiente e a saúde.
Igualmente, incidiu na plena compatibilidade e complementariedade de Sogama con outros sistemas de tratamento de residuos. Como exemplo puxo o programa de compostaxe doméstica que lidera esta entidade en Galicia e no marco do cal distribuíu, de forma gratuíta, máis de 17.000 composteiros entre 400 entidades, encargándose igualmente da formación dos cidadáns e a dotación de recursos didácticos e divulgativos.
REDE PARA A VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA
Avanzou a configuración da rede de infraestruturas coa que se posibilitará que máis de 2,2 millóns de galegos teñan acceso á valorización da materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón.
Á planta de biorresiduos que opera en Cerceda, sumaranse a de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense). Estas catro instalacións estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia nas que se habilitará unha tolva específica para o transvasamento do lixo orgánico.
Desta forma, axudarase aos concellos a que dean cumprimento á obrigatoriedade legal de implantar a recollida separada da fracción orgánica contida nos residuos urbanos antes do 31 de decembro de 2023.
Respecto disto, o máximo responsable de Sogama sinalou que “A nosa prioridade, como instrumento ao servizo da Xunta, é dotar a Galicia das instalacións necesarias para que a comunidade poida responder, de forma efectiva e eficiente, aos obxectivos europeos no ámbito da reciclaxe e avance cara a un desenvolvemento circular”.
Saúdos, Departamento de Comunicación