- O traballo foi realizado por un consorcio ao que pertencen a Universidade de Cádiz e outras entidades tales como AirBus Space (Francia), Argans Limited (Reino Unido) e The Ocean Cleanup (Países Baixos).
- Os resultados conseguiron superar as mellores expectativas, xa que, coa tecnoloxía dispoñible actualmente, o novo sensor é capaz de detectar lixo a concentracións de tan só un 1% de cobertura de superficie do océano.
Cerceda, a 22 de xuño de 2010.- Investigadores da Universidade de Cádiz desenvolveron o deseño do primeiro sensor espacial para a detección de lixo mariño. Esta ferramenta, que foi presentada no seu momento á Axencia Espacial Europea (ESA, das súas siglas en inglés), foi elaborada por un consorcio ao que pertencen, ademais da UCA, entidades como AirBus Space (Francia), Argans Limited (Reino Unido) e The Ocean Cleanup (Países Baixos).
A misión levouse a cabo a petición da propia ESA, dada a necesidade, a nivel mundial, de realizar un seguimento do lixo acumulado no océano a partir de satélites. A priori, os investigadores pensaron que “as probabilidades de éxito eran mínimas debido a que gran parte do lixo no océano atópase en forma de microplásticos (fragmentos da orde de poucos milímetros)”.
Os resultados conseguiron superar as mellores expectativas, xa que, coa tecnoloxía dispoñible actualmente, o novo sensor é capaz de detectar lixo a concentracións de tan só un 1% de cobertura de superficie do océano. Así, “o seguinte paso, antes do seu lanzamento nun novo satélite, será a validación do prototipo en aeroplano”.
APLICACIÓNS
As aplicacións máis inmediatas deste deseño pasan polo mapeo dos puntos quentes de contaminación oceánica; a identificación e avaliación das fontes globais de lixo ou o control da efectividade das medidas aplicadas para combater a contaminación mariña.
Non obstante, “existen outras posibles aplicacións que se están a estudar, como poden ser o rastrexo de agregacións de lixo para mellorar a seguridade da navegación; a procura e rescate de accidentes aéreos e marítimos; a localización de contedores perdidos ou derrames de petróleo; desastres naturais…etc. e probablemente outros usos que aínda non se poden determinar.
Fonte: UCA
Imaxe: Pixabay