- Denominado ENVIROSCORE, foi promovido polo centro tecnolóxico AZTI e a Universidade belga de Lovaina
- Trátase dun algoritmo que agrega nunha única puntuación final os impactos ambientais xerados ao longo de todas as etapas de produción e consumo dun quilogramo de produto
Cerceda, a 4 de marzo de 2022.- Co fin de reducir a degradación ambiental e lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, resulta imprescindible promover unha produción máis sostible e un consumo máis responsable de alimentos e bebidas.
Para dar resposta a este importante reto, o centro tecnolóxico AZTI e a Universidade de Lovaina (Bélxica), desenvolveron ENVIROSCORE®, un sistema de etiquetaxe ambiental que mide o impacto dos produtos e está baseado na metodoloxía europea internacionalmente aceptada e estandarizada de Pegada Ambiental de Produto.
ENVIROSCORE resulta de utilidade, tanto para a industria agroalimentaria como para os consumidores. Á primeira, permítelle medir e comunicar o impacto ambiental dos seus produtos dunha forma sinxela. Aos segundos, achégalles información fácil de entender que permite comparar entre produtos e entre categorías de produtos de alimentación e bebidas, motivándooa cara a pautas de consumo máis sostibles.
ALGORITMO QUE COMBINA 16 IMPACTOS AMBIENTAIS
Trátase dun algoritmo que agrega nunha única puntuación final os impactos ambientais xerados ao longo de todasas etapas de produción e consumo dun quilogramo de produto. En concreto, combínanse 16 impactos ambientais, entre os que se inclúen, ademais doutros, o potencial de cambio climático, o esgotamento da capa de ozono, a contaminación das augas, o esgotamento de recursos fósiles ou a toxicidade.
A partir desa análise, converte a puntuación agregada nun sistema de comunicación sinxelo, visual e intuitivo de 5 escalas ( A| B | C | D | E ). Esta clasificación integra todos os aspectos relacionados coa forma de producir, procesar, envasar, distribuír, consumir e xestionar os residuos dese produto.
Fonte e imaxe: AZTI