- Con este traballo, financiado por Nacións Unidas, preténdese recabar información para facer fronte a un grave problema, permitindo que os países e a comunidade internacional poñan en marcha plans de acción eficientes.
Cerceda, a 31 de agosto de 2021.-Investigadores da Universidade Estatal de Florida (FSU) desenvolveron unha nova ferramenta virtual para rastrexar o lixo mariño, conformado na súa meirande parte por plásticos, un material que permanece moi tempo no medio ambiente. Con esta iniciativa pretenden recabar información para facer fronte a un grave problema para os océanos e a humanidade.
Os científicos atoparon pequenos anacos de plástico dentro de peixes, tartarugas e paxaros, que bloquean o tracto dixestivo e modifica o comportamento de alimentación, alterando o crecemento e a reprodución.
Eric Chassignet, director do Centro de Estudos de Predición Oceánica-Atmosférica (COAPS) da FSU, e autor principal do artigo, manifestou que "o lixo mariño atópase en todo o mundo e non comprendemos completamente o seu impacto no ecosistema oceánico ou a saúde humana", de aí a importancia de aprender máis sobre este problema e desenvolver formas efectivas de mitigalo.
Pescudar onde vai o lixo mariño unha vez se atopa no océano, permitirá axudar aos países e á propia comunidade internacional a poñer en marcha plans de acción.
O seguimento do lixo mariño facilitará datos sobre se está a crecer e canto plástico está a romperse ou afundíndose. A ferramenta virtual utiliza datos de residuos plásticos mal xestionados en todo o mundo como entradas para o seu modelo e mostra tamén como están conectados os países.
A investigación, financiada por Nacións Unidas, foi publicada en Frontiers in Marine Science.
Fonte: www.vistaalmar.es
Imaxe: Pexels