-
“Non podemos retroceder no tempo, pero si podemos facer crecer os bosques, revitalizar as fontes de auga e restaurar os solos. Somos a xeración que pode facer a paz coas terras”, asegura a ONU
Cerceda, a 31 de maio de 2024.-Arabia Saudita é o país anfitrión do Día Mundial do Medio Ambiente 2024, que se celebrará o vindeiro mércores, 5 de xuño. Nesta ocasión, e baixo o lema “As nosas terras, o noso futuro”, pon o foco na restauración da terra, a loita contra a desertificación e a resistencia á seca.
Na actualidade, a degradación da terra é unha das maiores ameazas ambientais. Segundo a Convención das Nacións Unidas de Loita contra a Desertificación, ata o 40% das zonas terrestres do planeta están degradadas, o que afecta directamente á metade da poboación mundial e pon en perigo aproximadamente a metade do PIB mundial.
Desde o ano 2000, o número e a duración dos períodos de seca aumentaron un 29 %, e, de non tomar medidas urxentes, as proxeccións indican que máis de tres cuartas partes da poboación mundial poderían verse afectadas para o ano 2050.
As secas non só representan unha ameaza para a seguridade alimentaria e o acceso á auga potable, senón que tamén exacerban as desigualdades sociais e económicas. Ademais, a perda de terras fértiles contribúe á perda de biodiversidade e á intensificación dos efectos do cambio climático.
“Non podemos retroceder no tempo, pero si podemos facer crecer os bosques, revitalizar as fontes de auga e restaurar os solos. Somos a xeración que pode facer a paz coas terras”, asegura a ONU.
O Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño de cada ano, foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1972. Nos últimos 50 anos, converteuse nunha das maiores plataformas mundiais de divulgación ambiental, na que participan decenas de millóns de persoas en liña e a través de actividades, eventos e mobilizacións presenciais en todo o mundo.
Fonte e imaxe: ONU