- A FAO insiste en que o establecemento dun sistema alimentario respectuoso coa contorna, a cultura e o benestar das persoas, pode contribuír ao desenvolvemento sostible.
- Trátase de formas de alimentarse cunha serie de beneficios tales como a redución do colesterol e a prevención das enfermidades cardiacas e diabetes.
Cerceda, a 11 de decembro de 2019.- Malia os grandes beneficios das dietas tradicionais, factores como os cambios nos hábitos alimentarios, patróns de consumo, crecemento demográfico, urbanización, globalización, presións económicas e o acelerado ritmo de vida, fan que non as teñamos en conta nin tomemos conciencia das súas bondades para a saúde e a protección do medio ambiente.
A FAO insiste en que o establecemento dun sistema alimentario respectuoso coa contorna, a cultura e o benestar das persoas, pode contribuír ao desenvolvemento sostible, de aí que avogue por divulgar información sobre estas dietas para que a cidadanía tome conciencia sobre a forma na que favorecen a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
No seu momento, Qu Dongyu, Director Xeral da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), chamou a atención sobre a necesidade de “facer dispoñibles e asequibles” os alimentos tradicionais, sobre todo para os grupos máis vulnerables, a fin de mellorar a súa saúde.
Citou como exemplo a dieta mediterránea, que implica unha elevada inxesta de gran variedade de hortalizas, froitas, legumes, herbas e aceite de oliva, así como a nova dieta nórdica, a dieta tradicional xaponesa e a cociña rexional do Sur de China. Sinalou que, todas estas formas de alimentarse, carrexan unha serie de beneficios tales como a redución do colesterol e a prevención de enfermidades cardiacas e diabetes.
Neste sentido, apelou á conveniencia de sumar forzas para que as dietas tradicionais recuperen o seu lugar mediante iniciativas que esperten o interese dos mozos no redescubrimiento das comidas sas feitas na casa e desalenten o consumo da comida rápida.
A FAO referiuse á malnutrición en todas as súas formas como un dos maiores desafíos deste século e as dietas pouco saudables son unha das principais causas dese complexo problema.
En colaboración coa Organización Mundial da Saúde (OMS), a FAO publicou recentemente os Principios para lograr dietas saudables co fin de apoiar aos países a promover esta forma de comer.
O ano entrante cumprirase unha década desde que a UNESCO declarase a dieta mediterránea como patrimonio cultural inmaterial.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación