- Así o asegurou no discurso inaugural do debate sobre políticas celebrado hoxe en Bruxelas baixo o título “Manter o rumbo: impulsar a sostibilidade nun contexto xeopolítico cambiante”, coorganizado polo grupo de expertos “Amigos de Europa”
Cerceda, a 3 de decembro de 2024.- Nun contexto de impactos climáticos cada vez máis devastadores e de continua degradación da natureza, a directora executiva da AEMA (Axencia Europea de Medio Ambiente), Leena Ylä-Mononen, pide á UE que redobre esforzos para manter o rumbo das súas políticas e ambicións en materia de clima e medio ambiente.
No discurso inaugural con motivo do debate sobre políticas celebrado hoxe en Bruxelas baixo o título “Manter o rumbo: impulsar a sustentabilidade nun contexto xeopolítico cambiante”, coorganizado polo grupo de expertos Amigos de Europa, manifestou que o correcto é aterse ao Pacto Verde Europeo, xa que as súas políticas non só protexen o medio ambiente, senón que tamén contribúen ás prioridades de competitividade e seguridade, e poden axudar a construír unha sociedade máis xusta e saudable.
Así mesmo, destacou que, malia os recentes cambios políticos e normativos, os responsables da toma de decisións da UE non deben perder de vista as crises que formula o cambio climático e o “avance gradual” da degradación ambiental, como é o caso da escaseza de auga ou a degradación do solo que teñen efectos duradeiros e prexudiciais nas nosas sociedades, economías e mesmo na seguridade alimentaria se non se abordan con máis urxencia. “Non actuar agora será moito máis custoso no futuro”, advertiu Ylä-Mononen.
Igualmente, indicou que “a seguridade no século XXI vai máis aló de consideracións puramente militares e de defensa. Un enfoque integral da seguridade recoñece o papel fundamental que desempeñan o medio ambiente, o clima e a sostibilidade para garantir a estabilidade e a resiliencia a longo prazo”.
Nunha chamada á acción, instou aos tomadores de decisións da UE a asegurarse de que a lexislación existente sobre clima e medio ambiente se implemente de cheo e a garantir “unha aceleración significativa do traballo sobre redución de emisións, adaptación climática e protección ambiental”, xunto con medidas para que as poboacións vulnerables non queden atrás.
Afirmou que a competitividade e a seguridade “poden ir da man coas ambicións ambientais e climáticas”, propiciando unha base estable de recursos naturais que poida mellorar a resiliencia a longo prazo da UE e fortalecer a súa posición competitiva.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pixabay