- Desde o pasado 21 de abril, Sogama xestiona no Complexo Medioambiental de Cerceda unha media de 5 toneladas de refugallos sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao SERGAS.
- A valorización enerxética desta fracción, a temperaturas superiores a 850ºC, permite a destrución de patóxenos e outros elementos nocivos.
- A operativa é independente da liña de xestión de residuos urbanos, tanto desde o punto de vista industrial como laboral.
- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, manifestou que a empresa pública non dubidou nin un só momento en prestar este servizo, xa que “unha ineficiente xestión dos residuos sanitarios agravaría, aínda máis,a actual problemática de saúde pública”.
Cerceda, a 24 de abril de 2020.- Desde o pasado 21 de abril, Sogama vén recibindo unha media de 5 toneladas diarias de residuos sanitarios procedentes de centros adscritos ao SERGAS a fin de dispensarlles o mellor tratamento posible: a valorización enerxética a temperaturas superiores a 850ºC, propiciando desta forma a destrución de patóxenos e outros elementos nocivos.
A sociedade pública activou este servizo ante o notable incremento na produción de refugallos sanitarios como consecuencia do COVID-19 e a sobresaturación das instalacións que ata o de agora se viñan encargando da súa xestión en Galicia.
Para levar a cabo este labor, Sogama executou unha adaptación técnica no complexo cercedense, habilitando unha instalación de pretratamento onde estes residuos son triturados e acondicionados para alimentar posteriormente as caldeiras da planta termoeléctrica.
A fin de evitar contaxios, o presidente da entidade, Javier Domínguez Lino, explicou na emisora Cope Galicia que esta actividade lévase a cabo de forma independente á liña de xestión dos residuos urbanos, dispoñendo para isto de persoal externo, que ata se rexe por horarios distintos aos do resto dos traballadores do complexo, utilizan vestiarios diferenciados e non comparten zonas comúns.
En todo caso, advertiu que se trata de residuos sanitarios de clase II e algúns de clase III, con moi baixo risco de infección, estando conformados fundamentalmente por elementos de protección tales como luvas e mascarillas. Explicou que os de clase IV, é dicir, os citotóxicos e citostáticos, así como como os de clase V (outros residuos perigosos), seguen o seu propio itinerario desde os centros dependentes do SERGAS ata os correspondentes xestores autorizadores.
Este modus operandi implantouse igualmente noutras comunidades autonómas que contan con plantas de valorización enerxética, como é o caso de Cataluña, Madrid, Cantabria e País Vasco.
Domínguez subliñou que, se ben a xestión dos residuos sanitarios non figuraba no obxecto social de Sogama, recorreuse a esta empresa porque estaba preparada, tanto desde o punto de vista industrial como técnico, para asumir este cometido, coa particularidade de que as instrucións publicadas no seu momento polos Ministerios de Sanidade e de Transición Ecolóxica priorizan a valorización enerxética sobre o vertedoiro”.
“Somos unha empresa pública ao servizo de Galicia; non podemos nin debemos mirar cara a outro lado, e tampouco podemos permitir que unha ineficiente xestión dos residuos sanitarios incremente aínda máis a xa de por si problemática de saúde pública derivada do COVID-19”, ao que engadiu “os galegos atoparán sempre en Sogama unha aliada”.
Saúdos, Departamento de Comunicación