- A empresa pública entregou ao concello 25 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo no que aplicar o compost resultante.
- Os veciños participantes recibirán manuais didácticos de apoio e serán formados por persoal de Sogama nun curso presencial que terá lugar o próximo 16 de outubro, ás 19:30 horas, no Pabillón Polideportivo.
- Así mesmo, o ente local aproveitará esta iniciativa para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de separar os residuos en orixe e depositalos no contedor correspondente a fin de propiciar o seu posterior reciclado.
Cerceda, a 6 de outubro de 2020.- O Concello coruñés de Dodro adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co fin de propiciar a recuperación da materia orgánica en orixe e convertela en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Con tal fin, o goberno municipal repartirá 25 composteiros cedidos por esta empresa pública, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, entre outras tantas vivendas que dispoñan de terreo, horta ou xardín, no que aplicar o compost resultante.
Con esta iniciativa, o ente local pretende reducir a produción de residuos en orixe e propiciar que a materia orgánica, que vén a representar en torno ao 42% dunha bolsa de lixo tipo, sexa recuperada nos propios fogares mediante a súa transformación nun abono natural de alta calidade que regresa á terra en forma de nutriente.
Os veciños interesados recibirán un curso presencial impartido por persoal de Sogama e no que se explicará a técnica a seguir, onde ubicar o composteiro, que materiais deben e non deben ser depositados no mesmo e como controlar elementos de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Esta formación terá lugar o próximo 16 de outubro, ás 19:30horas, no Pabillón Polideportivo municipal.
Así mesmo, recibirán manuais didácticos de apoio cos que poderán complementar os seus coñecementos e solventar dúbidas.
Con este programa, o Concello pretende diminuír a cantidade de lixo depositado polos cidadáns nos contedores verdes convencionais e, xa que logo, o importe da factura que debe pagar a Sogama, á vez que promove unha alternativa ecolóxica e sostible para a materia orgánica, recuperando unha práctica tradicional no rural galego, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Así mesmo, impulsará accións a través das cales se conciencie á poboación sobre a necesidade de separar os refugallos en orixe a fin de propiciar o seu posterior reciclado, sendo necesario para isto depositar cada material no contedor correspondente.
Más información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación