- Celebrarase o próximo 9 de marzo en Ourense, concretamente na sede de Afundación
- A intervención do máximo responsable desta empresa pública terá lugar na mesa redonda que, baixo o título “Pasado e presente da xestión de biorresiduos urbanos e lodos de depuradoras. Casos de Galicia e rexión de Porto”, moderará Antón Taboada, coordinador deste proxecto na firma Cetaqua
- O proxecto Ecoval-Sudoe propón un novo enfoque para a xestión dos biorresiduos a través dun modelo de biofactoría, replicable en toda a Unión Europea, para obter bio-produtos de alto valor engadido a partir de lodos de depuradora e biorresiduos urbanos.
Cerceda, a 3 de marzo de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participará o próximo 9 de marzo no evento de peche do proxecto Ecoval-Sudoe: cara a unha xestión circular de biorresiduos urbanos e lodos de depuradora, que terá lugar en Ourense, concretamente na sede de Afundación.
A intervención do máximo responsable desta empresa pública terá lugar na mesa redonda que, baixo o título “Pasado e presente da xestión de biorresiduos urbanos e lodos de depuradoras. Casos de Galicia e rexión de Porto”, moderará Antón Taboada, coordinador deste proxecto na firma Cetaqua.
Na mesma dará a coñecer os fitos máis relevantes dos 30 anos de vida de Sogama: desde a súa creación, no ano 1992 ata o día de hoxe, destacando momentos tan relevantes na historia desta empresa pública tales como a entrada en operación do Complexo Medioambiental de Cerceda, a ampliación do mesmo en 2018, o impulso ao transporte de residuos por ferrocarril e a firme aposta por unha concepción integral no tratamento de residuos que arrinca coa aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), contemplando igualmente a compostaxe, tanto industrial como doméstica, que reforza coa valorización enerxética da parte non reciclable, evitando deste xeito a súa vertedura, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
Domínguez Lino compartirá mesa con María Guedes, enxeñeira no Departamento de Investigación e Desenvolvemento en Porto Ambiente, quen falará da xestión dos biorresiduos na cidade portuguesa de Porto; con Ricardo Castro, xerente de Calidade e Medio Medio Ambiente en Vegalsa-Eroski, encargado de explicar a xestión de residuos nos centros desta compañía; e Nicolás de Arespacochaga, responsable de Soporte Operativo AGBAR, quen achegará unha visión sobre a valorización de lodos de depuradora en España e Galicia.
O segundo bloque da xornada centrarase nas “Biorrefinerías como proposta de economía circular para a xestión de residuos orgánicos urbanos”, contando para isto coa participación de Ander Castro, Project Manager Cetaqua Galicia; Almudena Hospido, profesora Tttular no Departamento de Enxeñería Química da USC; Pamela Torres, de Repsol Lab &Sr. Scientist; e Ángela Muñiz, Project Manager en FEUGA.
A secuencia de exposicións culminará cunha mesa redonda que moderará Teresa Alvariño, xerente de Cetaqua Galicia, e que se centrará nas “Perspectivas futuras da valorización de biorresiduos urbanos e lodos de depuradora”. Na mesma intervirán Leticia Rodríguez, directora de Desenvolvemento Sostible de Viaqua; Sagrario Pérez Castellanos, directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia; e Josefa León, directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb.
Unha visita á planta piloto do Proxecto Ecoval Sudoe/Biofactoría de Ourense, poñerá o peche ao evento.
SOBRE ECOVAL-SUDOE
Cun orzamento superior a 1,2 M€, trátase dun proxecto cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que propón un novo enfoque para a xestión de residuos orgánicos mediante un modelo de biofactoría, replicable en toda a Unión Europea, para obter bio-produtos de alto valor engadido a partir de lodos de depuradora e biorresiduos urbanos.
Ecoval aglutina a participación de 8 entidades (4 de España, con Cetaqua á cabeza), 2 de Francia e 2 de Portugal, que representan os axentes principais da cadea de valorización dos residuos orgánicos urbanos (lodos de depuradora e bio-refugallos).
Saúdos, Departamento de Comunicación