- Celebrarase mañá, xoves, día 18, no Auditorio Abanca, en Santiago de Compostela, a partir das 10:00 h.
- En concreto, a intervención do presidente de Sogama terá lugar na primeira mesa redonda, xunto a portavoces de Viaqua e de Jealsa, onde tentarán dar resposta á pregunta de se Galicia é unha comunidade concienciada coa produción e o consumo responsable.
Cerceda, a 17 de novembro de 2021.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi convidado pola Cadea SER en Galicia para participar nunha nova edición do “Foro Conversa”, que nesta ocasión centrarase no obxectivo número 12 de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas
A través da intervención de representantes de distintas entidades, tentarase dar resposta á pregunta de se Galicia é unha comunidade concienciada coa produción e o consumo responsables.
O evento terá lugar mañá, 18 de novembro, no Auditorio Abanca, en Santiago de Compostela, a partir das 10:00 horas. Será a concelleira de Medio Ambiente deste Concello, Mila Castro, a encargada de abrir a xornada, á que seguirá a profesora de Enxeñería Química da USC, Teresa Moreira, quen abordará a pegada ambiental das empresas na comunidade.
Luís Iglesias, xornalista de Radio Galicia, actuará de mestre de cerimonias e moderará as dúas mesas redondas. A primeira, que leva por título “Produción responsable. Empresas para a sustentabilidade”, contará coas achegas da directora de Desenvolvemento Sostible de Viaqua, Leticia Rodríguez; a directora de Sustentabilidade de Jealsa, Ángeles Claro; e o presidente de Sogama, Javier Domínguez.
As tres entidades explicarán os seus plans para cumprir ese obxectivo establecido por Nacións Unidas e como tratan de minimizar o impacto da súa produción no medio ambiente.
A continuación, Luís Iglesias charlará co cociñeiro Pepe Solla sobre cociña e gastronomía sostible.
Durante a segunda mesa redonda, desgranarase como debe ser unha cesta da compra sostible. Para isto contarase coa presenza do responsable de Sustentabilidade de Vegalsa, Ricardo Castro; a xestora de Comunicación de Coca Cola, Gema Domínguez; Marta Rey, representante da praza de Abastos de Santiago; e Javier García Lozano, secretario do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.
O peche virá da man de Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia.
Saúdos, Departamento de Comunicación