- Trátase do CEIP Fonte Escura e o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro.
- Co lema “De Fonte Escura a Fonte Verde”, o primeiro traballou intensamente durante o pasado curso académico para que a comunidade educativa interiorizase o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
- Pola súa banda, o Pintor Laxeiro levou a cabo un proxecto que, baixo o título “Ecolaxeiro: misión salvar a Terra”, tiña por obxecto fomentar a responsabilidade e o compromiso coa contorna ambiental máis inmediata.
Cerceda, a 18 de setembro de 2020.- Os proxectos escolares do CEIP de “Fonte Escura” e do CEIP “Pintor Laxeiro”, ambos de Vigo, foron valorados coa mellor puntuación no marco do programa “Recíclate con Sogama” 2019-2020, dada a alta calidade das memorias presentadas e o traballo incansable realizado durante o pasado curso académico, antes e despois do obrigado confinamento orixinado polo COVID-19.
Co título “De Fonte Escura a Fonte Verde”, o primeiro centro, situado na periferia da cidade, integra a escolares con distintas discapacidades, tanto físicas como intelectuais, que requiren especiais atencións por parte dun profesorado moi implicado, cun alto grao de profesionalidade e unha sensibilidade social e ambiental exemplar.
A principal meta do seu traballo foi propiciar que o conxunto da comunidade educativa interiorizase o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), sendo conscientes da gran capacidade que ten a escola para educar en valores.
Para isto despregaron un plan de acción conformado por múltiples actividades entre as que cabería destacar a “Semana polo Clima”, con tarefas nas que se poñía de relevo a necesidade de loitar contra o cambio climático e que complementaron coa elaboración dunha escultura nutrida cos plásticos recollidos durante esa semana.
Tamén fabricaron, de forma artesanal, e con materiais de refugallo, distintos recursos didácticos; elaboraron compost coa materia orgánica procedente do comedor escolar, aplicándoo posteriormente na súa horta como fertilizante natural; e confeccionaron pantallas protectoras fronte ao COVID que, posteriormente, repartiron en residencias de maiores.
Estas son algunhas das múltiples tarefas desenvolvidas por un centro proactivo que destacou polo seu encomiable labor no plano ambiental e que ata estendeu ao período de confinamento para evitar que os alumnos abandonasen os bos hábitos adquiridos na protección da contorna.
As videoconferencias eran habituais e enriquecíanse con recursos que o profesorado buscaba na rede para seguir formando aos seus pupilos.
MERENDAS CON RESIDUO CERO
Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro levou a cabo un proxecto que, baixo o título “Ecolaxeiro: misión salvar a Terra”, tiña por obxecto fomentar a cultura da responsabilidade e o compromiso co medio ambiente.
O centro realizou un diagnóstico de partida a través dunha enquisa que lle permitiu configurar e adaptar as actividades ás necesidades detectadas. A ambientalización do colexio chegou a todos os recunchos e materias de estudo, traballando de forma permanente conceptos tales como a sostibilidade, a economía circular, o cambio climático, os tres erres, etc.
Así mesmo, fomentaron as merendas con residuo cero a fin de que as familias apostasen pola adquisición de produtos sen envases e sen envoltorios. Tamén organizaron as denominadas “Brigadas verdes”, conformadas por alumnos voluntarios que vixiaban durante os recreos que o recinto estivese limpo, asesoraban aos seus compañeiros e chamaban a atención a aqueles que arroxaban refugallos ao chan.
Xogos, talleres e manualidades complementaron o traballo realizado, coa particularidade de que este colexio promoveu accións de colaboración con outros centros educativos e entidades sociais (asociacións de maiores, asociacións de familias de persoas con parálise cerebral, escolas de educación infantil, etc).
O coidado da horta correu a cargo dos escolares de 6º de Primaria. O obxectivo era espertar a sensibilidade respecto da protección da natureza e a posibilidade de obter alimentos de primeira calidade, sen envases superfluos.
Saúdos, Departamento de Comunicación