- En apenas dúas semanas (desde a cea de Noiteboa ata o roscón de Reis) concéntrase o maior desperdicio de alimentos do ano
- Segundo o último Informe de Desperdicio Alimentario en España, "un 70% dos produtos que rematan no lixo comprámolos e nin sequera usámolos”
- Too Good To Go apunta que “o 43% das persoas asegura que compra alimentos que non lle gustan só polo feito de ser típicos do Nadal"
Cerceda, a 10 de xaneiro de 2024.- O Nadal é a época do ano na que máis se consome e na que máis residuos se producen. Cada español tira ao lixo durante esas datas o equivalente a 30 euros en comida e xera dous quilos de residuos ao día. En apenas dúas semanas (desde a cea de Noiteboa ata o roscón de Reis) concéntrase o maior desperdicio de alimentos do ano.
A bromatóloga Patricia Sola sinala que falamos dos días nos que "máis alimentos se compran e se cociñan e, por mor disto, acumúlanse máis sobras do normal", ao que engade que "estamos tan saturados de comer, que directamente as tiramos na maioría dos casos".
Segundo o último Informe de Desperdicio Alimentario en España, "un 70% dos produtos que rematan no lixo comprámolos e nin sequera os usamos". Pola súa banda, Too Good To Go, unha das iniciativas referentes na redución do desperdicio alimentario, apunta que “o 43% das persoas asegura que compra alimentos que non lle gustan só polo feito de ser típicos do Nadal".
Para combater esta problemática, requírese, en primeira instancia, planificar os menús e a lista da compra, xa que acudir ao supermercado coñecendo os produtos que precisamos, axudará a non comprar aqueles que son prescindibles. Tamén se debe revisar a despensa e o frigorífico a miúdo para colocar no frontal aqueles alimentos que vaian caducar pronto.
Respecto das celebracións en bares e restaurantes, Sola comenta que, “actualmente, os establecementos de hostalería e comercios de alimentación están máis concienciados e tentan reducir o desperdicio con cociña de aproveitamento ou sacando ofertas por data de consumo preferente, como no caso de supermercados".
Apunta que os clientes tamén teñen a súa parte de responsabilidade, xa que "moitas veces os pratos quedan á metade porque pedimos en exceso para ver a mesa chea".
Fonte: Xestores de Residuos
Imaxe: Pixabay