- Así o expresou Cristina Rico, xerente do Centro de Tratamento de Residuos de Andorra, S.A (CTRASA), nunha entrevista publicada o pasado mes na Newsletter de Sogama.
- Considera necesario que a xestión de residuos se adapte a cada territorio, debendo priorizar a prevención e a redución, así como a reciclaxe.
- Defende a valorización enerxética fronte ao vertido, pero tamén que as cantidades de refugallos que deben recibir tratamento finalista se vaian minorando.
- Subliñou que todos xeramos residuos e son precisamente eses residuos os que constitúen un problema en cuxa solución tamén deberiamos participar todos.
Cerceda, a 5 de novembro de 2021.- Cristina Rico, Xerente do Centro de Tratamento de Residuos de Andorra, S.A (CTRASA), reflexiona, nunha entrevista publicada na Newsletter corporativa de Sogama o pasado mes, sobre a actual xestión dos residuos e a necesidade de adaptala ás características e particularidades de cada territorio. “O medio ambiente non entende de fronteiras e a solución ao problema dos residuos debería seguir unhas pautas globais e centrarse en buscar solucións locais”.
Defende a valorización enerxética como a “mellor das peores solucións” porque o ideal sería potenciar a redución de residuos, a reutilización e a reciclaxe, de tal forma que as cantidades de refugallos que deben recibir tratamento finalista sexa a menor posible.
Considera que se terían que poñer en marcha máis plantas desta tipoloxía, especialmente no sur de Europa, onde o vertedoiro aínda constitúe a opción prioritaria. Ao respecto, salienta que “resulta evidente que é mellor valorizar os residuos e obter enerxía que enterralos nun vertedoiro coa inxenua esperanza de que desaparezan co paso dos anos”. Neste sentido, sinala que a valorización enerxética é un proceso moi controlado e a lexislación que pesa sobre a mesma é moi restritiva en canto aos límites das emisións permitidas, que son moi inferiores ás doutras industrias.
Malia que avanzamos polo bo camiño, lamenta que no ámbito dos residuos se enfronten intereses xustapostos, xa que todos deberiamos guiarnos por un único obxectivo, que é a sustentabilidade do noso hábitat. “Debemos sumar esforzos e conseguir avanzar significativamente cara á circularidade, pois non temos outra alternativa que nos permita seguir habitando este planeta”.
Entende a xerente de CTRASA que o quid da cuestión está en minimizar a xeración de residuos e aí deben entrar en xogo elementos tales como o ecodeseño, toda vez que permite alongar a vida útil dos produtos e, unha vez transformados en refugallos, poidan tratarse posteriormente dunha forma sostible. Ao seu xuízo, deberíanse dedicar máis esforzos e recursos a diminuír a produción de residuos e iso sería posible se se apostase de forma decidida pola innovación e se repensase o sistema.
Abundou no feito de que todos xeramos lixo e é ese lixo o que constitúe un problema en cuxa solución tamén deberiamos participar todos.
SOBRE CTRASA
CTRASA é unha empresa de capital público cuxa misión é xestionar os residuos urbanos xerados pola poboación de Andorra dunha forma eficiente, respectuosa co medio ambiente e co foco de atención posto nas persoas.
A planta levantouse dentro dunha montaña para minimizar o impacto visual, chegando a alcanzar os 20 metros de profundidade. Ten unha capacidade nominal para tratar 60.000 toneladas anuais e o seu réxime de funcionamento é flexible debido ao carácter estacional dos residuos no Principado.
CTRASA está asociada a Aeversu (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos) e, para a súa xerente, pertencer a este colectivo constitúe unha oportunidade de traballo conxunto, intercambio de experiencias, debate en ámbitos tales como a seguridade, o medio ambiente, a operación e mantemento das instalacións, así como a comunicación. “O gran valor desta asociación é que aglutina o punto de vista de profesionais que colaboran de forma desinteresada para axudarse mutuamente”.
Saúdos, Departamento de Comunicación