- Así se pronunciou Manuel Verdes, Dinamizador de Formación Profesional Dual en Bergantiños, nunha entrevista en Radio Voz, onde aludiu á firme aposta de Sogama pola formación continua do persoal, posibilitando que este, a través da acreditación de competencias, acceda a determinadas titulacións
Cerceda, a 1 de abril de 2024.- En declaracións a Radio Voz Galicia, e no marco do programa educativo Ecovoz, Manuel Verdes, dinamizador de Formación Profesional Dual en Bergantiños, puxo de relevo a importancia crucial de que a formación dos traballadores estea ligada ás necesidades das empresas e se creen ciclos formativos acordes.
Logo da súa etapa como docente no IES Monte Neme de Carballo, Verdes incorporouse ao programa de dinamizadores educativos en Galicia, que a Consellería de Educación puxo en marcha fai un lustro coa pretensión de que actuasen como ligazóns entre os centros educativos e as empresas. Co paso do tempo, os dinamizadores asumirían novos labores, como é o caso da acreditación de competencias, posibilitando que o persoal con experiencia laboral, pero sen titulación, poida acceder á mesma.
A contratación dun equipo humano cualificado, e tamén sensibilizado coa protección ambiental, debe estar contemplada, e de feito o está, na Responsabilidade Social Corporativa das compañías. Tal e como explicou Manuel Verdes, “en Sogama, o 95% dos traballadores adscritos á Planta de Clasificación de Envases, sobre a que se centrou en primeira instancia esta acción, responderon de forma positiva á convocatoria, comprometéndose a mellorar a súa carreira profesional; o 5% declinou por tratarse de persoas que se atopan próximas á xubilación”.
O dinamizador ten un contacto absoluto coa realidade, xa que a esencia do seu cometido é precisamente preguntar ás empresas que formación necesitan os seus traballadores e que formación precisarán nun futuro para cubrir determinados postos.
Cun mínimo de 12 solicitudes, a Administración Pública permite crear un ciclo formativo concreto, que se publicita a través das canles oportunas para que o persoal poida matricularse en prazo e lograr o título desexado.
En Sogama, o perfil que se axustaba ás necesidades do persoal de mantemento era o de Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial. Neste sentido, Verdes manifestou que as formacións máis demandadas para traballar nunha planta de tratamento de residuos é, ademais da mecatrónica industrial, o mantemento electromecánico ou a programación informática, subliñando que “todos os programas formativos de todas as materias teñen uns criterios de avaliación relacionados co medio ambiente”.
Saúdos, Departamento de Comunicación