- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente ao boletín corporativo do mes de xullo
Adentrados en pleno mes de xullo, xa son moitos os que están a gozar das súas vacacións na praia, no campo, na montaña ou simplemente tiveron que quedar na casa por diversos motivos (o que a todos nos pasou moitas veces).
E aquelas tarefas que levamos relegando todo o ano para a época estival, como ler, facer exercicio, visitar museos, gozar da familia e dos amigos, do picoteo nunha terraza ou do baile nunha verbena, non terían sentido sen unha contorna que as recree e as faga únicas, propiciando que pasen a formar parte do noso particular arquivo de recordos, entre os que se atopan estampas limpas, atractivas e agradables que baixo ningún concepto quereríamos ensuciar.
Pero, por desgraza, non todas as conductas humanas se guían polo civismo e non é raro, sobre todo en lugares turísticos, ver vasiños e paus de xeado tirados polo chan, así como envoltorios de doces, cabichas de cigarros, paquetes de tabaco, bolsas de pipas, latas de bebida e algúns que outro resto de comida; residuos todos eles que os servizos de recollida e limpeza municipais se esforzan en recoller, sabendo que, pouco despois, posiblemente se repita o mesmo xesto por outras persoas para as que o chan dunha rúa, a area dunha praia ou a auga do mar son a súa particular papeleira ou contedor.
Algo tan sinxelo como gardar o papel, o recipiente ou a lata ata atopar o lugar axeitado para depositalo, parece traducirse para algúns nun esforzo desmesurado do que desisten como se iso supuxese unha afrenta á súa integridade.
Son, sobre todo, comportamentos reprochables que debemos frear, e por unha poderosa razón: porque habitamos en espazos compartidos nos que se debe garantir a convivencia, pero tamén porque o turismo representa a primeira actividade económica en moitas vilas costeiras, e a limpeza e a orde son atributos que cotizan á alza.
O relax nunca debe asociarse coa preguiza. Todos temos dereito a gozar dunha contorna saudable, e todos temos a obriga de coidala e protexela. O cumprimento das normas é a mellor garantía de convivencia harmoniosa: nada ao chan e todo polo planeta no que vivimos.
Feliz verán, sustentable.
Presidente
Javier Domínguez Lino