- Así o asegura un informe da AEMA, onde sinala que as prácticas específicas de economía circular no abastecemento de materias primas teñen un potencial significativo para protexer e mellorar a biodiversidade
Cerceda, a 1 de agosto de 2023.- As accións cara a unha economía circular son de suma importancia para salvagardar a natureza, reducir a contaminación e lograr a neutralidade climática en Europa para 2050.
Así se recolle nun informe publicado pola Axencia Europea de Medio Ambiente, que leva por título “Os beneficios para a biodiversidade dunha economía circular forte” e no que se pon de relevo que, ademais dos esforzos en curso orientados a previr o desperdicio, as prácticas específicas de economía circular no abastecemento de materias primas teñen un potencial significativo para protexer e mellorar tamén a biodiversidade.
Varias avaliacións recentes deron a voz de alarma sobre a perda de biodiversidade e a deterioro dos ecosistemas en Europa e en todo o mundo debido a patróns insostibles de produción e consumo. O novo informe da AEMA sinala que as prácticas de economía circular poden axudar a salvagardar a biodiversidade ao reducir o uso de recursos primarios, previr a contaminación e, en particular, obter materiais a través de prácticas respectuosas coa biodiversidade.
Segundo este estudo, o abastecemento respectuoso coa biodiversidade de, por exemplo, alimentos, materiais de construción e téxtiles, merece máis atención, xa que pode amplificar o potencial da economía circular para diminuír ou mesmo reverter a perda de biodiversidade. Tales prácticas inclúen o uso de algas mariñas como alimento para animais ou fertilizante para cultivos, a recirculación da auga dos teitos verdes e o uso de métodos de produción agroforestal para téxtiles.
A AEMA considera que os formuladores de políticas, as empresas e os cidadáns poden desempeñar un importante papel ao propiciar que as accións de economía circular sexan máis beneficiosas para a natureza.
Os formuladores de políticas deben deseñar políticas que aseguren unha forte integración entre as accións da economía circular e os aspectos da biodiversidade durante todo o ciclo de vida dos bens e servizos.
Pola súa banda, as empresas deben desenvolver e mellorar as innovacións, prestando atención á vida útil dos produtos, a contaminación e o abastecemento de materiais.
E os consumidores poden apoiar estas accións reducindo o consumo xeral e esixindo opcións máis respectuosas coa biodiversidade.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pexels