- Esta organización advirte que a economía global está a consumir un 70% máis de materiais virxes dos que o mundo pode repoñer con seguridade
- De feito, asegura que máis do 90% do que tomamos da Terra vai parar ao lixo
- Circle Economy afirma que identificou 21 "solucións" que poderían "pechar esta brecha" se se adoptan en todo o mundo. É o caso de utilizar menos, utilizar durante máis tempo, rexenerar e reutilizar.
Cerceda, a 29 de marzo de 2022.- De acordo cun novo informe de Circle Economy, a "economía global de usar e tirar" está a alimentar o cambio climático, tendo consumido máis de medio billón de toneladas de materiais virxes desde o Acordo de París de 2015.
A xuízo de Circle Economy, unha folla de roteiro podería axudar aos líderes mundiais a cumprir o obxectivo de limitar o quecemento global a 1,5° C. Así mesmo, as solucións da economía circular poden ter un enorme impacto no cambio climático porque o 70% das emisións de gases de efecto invernadoiro están relacionadas coa produción e o uso de produtos: desde os edificios nos que vivimos e o transporte que utilizamos, ata os alimentos que comemos e a roupa que levamos. Sen embargo, asegura que os compromisos nacionais sobre o clima céntranse na redución das emisións mediante a diminución do uso de combustibles fósiles e apenas mencionan a extracción de recursos e as taxas de consumo.
Esta organización advirte que a economía global está a consumir un 70% máis de materiais virxes dos que o mundo pode repoñer con seguridade: o uso anual de recursos foi de 89.800 millóns de toneladas en 2016, pero superou os 100.000 millóns en 2019 e estímase que foi de 101.400 millóns o ano pasado. Máis do 90% do que tomamos da Terra vai parar ao lixo.
SOLUCIÓNS
Neste contexto, a entidade afirma que identificou 21 "solucións" que poderían "pechar esta brecha" se se adoptan en todo o mundo. Estas solucións reducirían o uso anual de materiais a 79.000 millóns de toneladas (79Gt), case duplicarían a circularidade da economía ao 17% e manterían ao mundo na senda dos 1,5 graos:
- Utilizar menos: por exemplo, a construción de edificios cun uso eficiente dos recursos, empregando un deseño lixeiro e materiais locais, podería aforrar 3,45 Gt de emisións e 4,05 Gt de materiais
- Utilizar durante máis tempo: por exemplo, reformar e renovar os edificios para prolongar a súa vida útil podería aforrar 2,15 Gt de emisións e 5,28 Gt de materiais.
- Rexenerar: por exemplo, utilizar alimentos de tempada e locais e outros métodos de produción sostible de alimentos pode aforrar 2,07 Gt de emisións e 3,4 Gt de materiais.
- Reutilizar: por exemplo, o uso de metais e plásticos reciclados para fabricar vehículos e a reciclaxe destes ao final da súa vida útil pode aforrar 1,5 Gt de emisións e 3,33 Gt de materiais.
Se se mantén o ritmo habitual, prevese que o uso de materiais alcance as 170-184 Gt anuais en 2050. Por exemplo, calcúlase que a superficie cuberta por edificios case se duplicará nos próximos 40 anos, o que equivale a construír unha cidade do tamaño de París cada semana.
Se ben a economía circular figura agora en moitas políticas e obxectivos gobernamentais e multilaterais, desde o Plan de Acción de Economía Circular da UE ata os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, Circle Economy afirma que a miúdo "céntrase de forma limitada" na reciclaxe e recoñécese pouco o seu papel na redución de emisións. A énfase na "eficiencia material" por riba da "redución do consumo" tamén é limitante.
Esta entidade asegura que "A transición cara a unha economía totalmente circular dentro dunha xeración requirirá accións urxentes e a gran escala por parte de todos os sectores da sociedade", ao que engade que "Os gobernos nacionais e locais terán que proporcionar dirección e condicións propicias, os consumidores terán que facer eleccións que fomenten a circularidade, e as empresas terán que redeseñar os seus procesos desde a base".
Fonte: Circular for Resource and Waste Professionals
Imaxe: Pexels