- Elaborouse en liña coa Directiva Europea relativa aos envases e residuos de envases, que prioriza o ecodeseño como panca clave para transitar cara á economía circular.
- Entre os seus obxectivos atópanse minimizar a cantidade de residuo de envase xerado, favorecer a súa reciclabilidade, reducir a pegada ambiental do proceso de envasado, e fomentar proxectos de I+D e Comunicación.
- Para facer efectivas estas medidas, o SIX pon a disposición das empresas adheridas a estes plans un servizo de atención personalizado en materia de ecodeseño.
- Durante o período 2017-2020, as entidades adheridas implantaron máis de 1.150 accións de ecodeseño, logrando reducir o peso dos envases de vidro e evitar as emisións de CO2 equivalentes a 10 viaxes Madrid-Tokio en avión.
Cerceda, a 28 de xullo de 2020.- Co fin de avanzar cara a un modelo de economía circular e producir envases máis sostibles desde a dimensión ambiental, Ecovidrio lanzou a súa nova estratexia de ecodeseño a través dos Plans Empresariais de Prevención 2020-2022, que están dirixidos a máis de 2.550 compañías envasadoras e adaptados aos sectores de cervexa, viño e espirituosas e sidra.
Tomando como referencia os retos ambientais do momento e as esixencias lexislativas, esta estratexia de prevención elaborouse en liña coa Directiva Europea relativa aos envases e residuos de envases, que prioriza o ecodeseño como panca clave para transitar cara á economía circular, coa particularidade de que os Plans Empresariais de Prevención están vinculados á Axenda 2030, concretamente aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 11 (Cidades e Comunidades Sostibles), 12 (Produción e Consumo Responsables, 13 (Acción polo clima), 15 (Vida e Ecosistemas Terrestres) e 17 (Alianzas para lograr os Obxectivos).
Entre os obxectivos desta estratexia atópanse os seguintes:
- Minimizar a cantidade de residuo de envase xerado no proceso de envasado a través da redución do peso unitario e/ou a eliminación dalgúns dos seus elementos.
- Favorecer a reciclabilidade do envase grazas á introdución de cambios na composición do material e a incorporación de melloras tecnolóxicas.
- Reducir a pegada ambiental asociada ao proceso de envasado, a través de accións que reduzan o consumo de recursos e as emisións asociadas a todo o ciclo de vida do envase.
- Impulsar medidas de acompañamento que permitan involucrar a todos os actores da cadea de valor, desenvolver proxectos de I+D e certificación ambiental, así como fomentar as accións de comunicación e sensibilización sobre a importancia do ecodeseño e a reciclaxe.
Para facer efectivas estas medidas, Ecovidrio pon a disposición das empresas adheridas a estes plans un servizo de atención personalizada en materia de ecodeseño. Desta forma, un equipo de expertos visita as plantas de envasado a fin de asesorar sobre a implementación de accións de mellora, así como sobre a sostibilidade en todo o ciclo de vida do envase.
A elaboración da estratexia realizouse en colaboración con axentes de cadea de reciclaxe de envases de vidro e a industria envasadora.
MÁIS DE 1.150 ACCIÓNS DE ECODESEÑO IMPLANTADAS EN 2017-2019
A finais do pasado ano, 266 empresas tiñan implementado plans de prevención en colaboración con Ecovidrio. O resultado: máis de 1.150 accións de ecodeseño nos últimos tres anos.
A redución do peso dos envases, a comercialización de bebidas en maior volume, o aumento da porcentaxe de material reciclado na embalaxe ou a colaboración con programas de reciclaxe de entidades locais ou asociacións sectoriais, foron algunhas das medidas adoptadas no período 2017-2019.
Grazas aos plans realizados no pasado trienio, logrouse reducir o peso dos envases de vidro e evitar as emisións de CO2 equivalentes a 10 viaxes Madrid-Tokio en avión.
Fonte e imaxe: Ecovidrio