- O profesor Gonzalo Sánchez Busóns, a súa alma mater, puxo en marcha esta iniciativa en 1998 e, desde entón, os Ecovixianntes traballaron arreo en múltiples accións de protección da contorna que, ademais, lles reportaron numerosos premios e recoñecementos
Cerceda, a 13 de marzo de 2024.- Era o ano 1998 e o profesor Gonzalo Sánchez Busóns aterraba no colexio “Divina Pastora” de Ourense para impartir as materias de Xeografía e Historia. Pero non conforme co ensino das mesmas, aproveitaba as súas clases para inculcar nos alumnos o amor pola natureza, reivindicando o coidado do planeta.
Creou entón un grupo de voluntariado ambiental no que hoxe se integran estudantes de ESO e Bacharelato, organizado en dous clubs. O de sendeirismo, acuñado co nome de “O coche de San Fernando”, que sae todas as semanas a camiñar, concretamente os mércores, para realizar distintas actividades; e o de ciclismo, denominado “Dálle ao pedal, rapaz”, que antes saía tamén todas as semanas, pero que agora o fai esporadicamente polos perigos que se poden atopar nas estradas.
Nunha entrevista para o programa Ecovoz, emitido por Radio Voz Galicia, Sánchez Busóns explicaba con emoción que “hai mesmo nenos cuxos pais tamén foron Ecovixiantes”, co cal a protección da contorna forma parte xa do seu ADN.
Sinalou que o grupo participa en distintos programas educativos, como é o caso de Voz Natura ou ben o Plan Proxecta, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, concretamente no de “Mobilidad esostible e segura” e o de “Recíclate con Sogama”.
Entre as actividades que levan a cabo, destaca a limpeza de contornas naturais e recollida de residuos de distintas tipoloxías. De feito, declararon a guerra ás cabichas, uns refugallos moi difíciles de recoller polo seu pequeno tamaño, e para iso fabricaron uns recipientes con botellas de auga usadoa aos que chamaron “Cabichómetros”, depositando nos mesmos as cabichas para ter unha referencia das cantidades recollidas en cada saída.
Os membros de Ecovixiantes van equipados con chalecos reflectantes, luvas, ganchos e todo o necesario para levar a cabo o seu labor de forma hixiénica e segura. Tamén practican a compostaxe doméstica, contando cun composteiro na horta escolar de Montealegre, onde levan os restos orgánicos para que poidan ser convertidos nun abono natural que logo regresa á terra en forma de fertilizante.
No colexio tamén recollen pilas e tapóns para causas solidarias, e cada día tentan poñer en práctica xestos que benefician ao medio ambiente e á saúde das persoas.
Gonzalo Sánchez insiste na máxima de que hai que pensar globalmente, pero actuar localmente. Él é todo un exemplo a seguir.
Saúdos, Departamento de Comunicación