- Unha comitiva da provincia de Tungurahua, liderada pola súa máxima autoridade política, o Prefecto Manuel Caizabanda, visitou esta mañá as instalacións de Sogama en Cerceda e mantivo un encontro co seu presidente, Javier Domínguez
- Os cargos ecuatorianos estiveron acompañados pola Directora de Grao de Publicidade e Relacións Públicas de Cesuga e a Adxunta á Presidencia da Fundación Venancio Salcines
Cerceda, a 13 de xullo de 2023.- A República do Ecuador é outro dos países que mostrou interese en coñecer o sistema Sogama ao consideralo como un dos maiores expoñentes da xestión sostible dos residuos municipais.
Así, unha comitiva da provincia de Tungurahua, liderada pola súa máxima autoridade política, o Prefecto Manuel Caizabanda, e integrada polo Director Xeral Provincial Administrativo, Luis Ángel Sálazar López, e o Concelleiro da Cuida de Ambato, capital administrativa da provincia, Gonzalo Callejas, visitou esta mañá as instalacións de Sogama en Cerceda para comprobar o seu funcionamento e manter un encontro co presidente da empresa pública, Javier Domínguez.
Os cargos ecuatorianos estiveron acompañados pola Directora de Grao de Publicidade e Relacións Públicas de Cesuga (Centro de Estudos Universitarios Superiores de Galicia), Marga Borreguero, así como pola Adxunta á Presidencia da Fundación Venancio Salcines, unha institución sen ánimo de lucro que traballa en favor do desenvolvemento social, educativo e cultural de Galicia.
Tungurahua, unha das 24 provincias que conforman a República do Ecuador e a sétima máis poboada do país, con 590.600 habitantes, abarca unha zona xeográfica coñecida como rexión interandina ou serra, cunha importante riqueza natural que o goberno quere preservar e tamén rendibilizar economicamente promovendo o turismo sostible. Dado que a correcta xestión dos residuos constitúe un factor prioritario no coidado do medio ambiente e no benestar da poboación, a Prefectura provincial está interesada en coñecer modelos eficientes e con resultados positivos contrastados.
Javier Domínguez foi o encargado de explicar a evolución de Sogama desde a súa creación, en 1992, os fitos máis relevantes, así como o traballo e os investimentos realizados durante os últimos anos, que conseguiron posicionar a esta entidade como unha das máis modernas e eficientes da Unión Europea.
Así mesmo, fíxolles partícipes do importante labor que a compañía está a desempeñar para propiciar a compostaxe da materia orgánica, articulando para isto unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións, situadas estratexicamente polo territorio galego, e que estarán ao dispor dos 295 municipios que utilizan os servizos de Sogama, tendo en conta que, no marco da lexislación europea, os concellos deben ter implantada a recollida diferenciada da materia orgánica antes do próximo 31 de decembro.
“O mellor sistema é o que se adapta a cada territorio”
No transcurso da visita, Domínguez Lino trasladou á comitiva a conveniencia de que os sistemas de xestión de residuos se adapten ás características e particularidades de cada territorio, e dean resposta ás súas necesidades, debendo ter sempre como horizonte a sostibilidade ambiental, económica e social.
Antes de concluír a xornada, o grupo, acompañado por persoal técnico de Sogama, efectuou un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda.
Saúdos, Departamento de Comunicación