- Esta empresa pública é consciente de que só poderá alcanzarse a sostibilidade se se conta coa implicación e o esforzo do conxunto da ciudadanía
- E a este fin dedica boa parte dos seus programas educativos. É o caso de Recíclate con Sogama, Caderno Verde, sesións formativas presenciais, cursos en liña e visitas guiadas ás súas instalacións, entre outros
Cerceda, a 26 de xaneiro de 2023.- Hoxe, como cada ano desde 1975, celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha efeméride que ten a súa orixe no Seminario Internacional de Educación Ambiental celebrado en Belgrado nesa data, e no que participaron expertos de máis de 70 países. O resultado plasmouse na Carta de Belgrado, incluíndo na mesma as reivindicacións fundamentais da educación ambiental.
Ademais do seu labor industrial na xestión e tratamento sostible dos residuos municipais producidos por 295 concellos galegos, desde a súa creación, Sogama reservou na súa axenda anual un espazo privilexiado para a formación e educación ambiental, adaptando para isto os seus recursos didácticos e divulgativos aos distintos sectores sociais. A entidade é consciente de que só poderá alcanzarse a sostibilidade se se conta coa implicación e o esforzo do conxunto da poboación.
COÑECEMENTO E CONCIENCIACIÓN
Entre todos os programas cos que conta a Sociedade, cabería destacar o de “Recíclate con Sogama”. Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, activouse durante o curso académico 2012-2013 e, a día de hoxe, logrou formar e concienciar a 42.575 escolares de primaria e 2.004 docentes. A este fin destinou a empresa un bo número de medios humanos, materiais e divulgativos, xa que, educar na protección da contorna a través da correcta xestión dos refugallos require, por riba de todo, perseveranza, exemplaridade, diálogo, sensibilidade e empatía.
Máis aló das accións propias que deben asumir as Administracións, coidar o medio ambiente implica responsabilidade e compromiso por parte de todas e cada unha das persoas; unha responsabilidade e compromiso que traspasan as liñas do hoxe e agora, xa que deben estar tinguidas dunha gran dose de solidariedade coas próximas xeracións, velando tamén polo seu benestar e calidade de vida.
O programa de visitas guiadas ás súas instalacións, interrompido polo COVID, e que se retomará este primeiro trimestre do ano en curso, así como as actividades presenciais (charlas, talleres, xogos, etc) que a empresa pública leva a cabo nos propios colexios e institutos e concellos, permitíndolle instruír de forma directa a preto de 6.000 persoas en 2022, constitúen escenarios nos que os seus educadores levan a cabo un importante labor pedagóxico que vai máis aló da transmisión de coñecementos, tentando remover conciencias para que as persoas logren visualizar os residuos como recursos e interioricen as directrices e boas prácticas vinculadas á economía circular.
A plataforma educativa “Caderno verde”, a impartición de cursos en liña dirixidos a diversos públicos, constitúen outras das accións que Sogama leva a cabo para promover a activa participación dos cidadáns na xestión sostible dos residuos.
Pensar globalmente e actuar localmente é o principio estratéxico da educación ambiental.
EQUILIBRIO
Durante moitos anos viuse ao medio ambiente como unha fonte inesgotable de recursos, predominando nas últimas décadas a cultura lineal na que extraer, usar e tirar constituía o modelo de consumo a seguir. A día de hoxe, e ante a incerteza dun futuro próximo ameazado polo cambio climático, o ser humano debe adoptar as medidas necesarias a través das cales atopar o necesario equilibrio entre o crecemento económico, a protección ambiental e a cohesión social. E a isto dedica Sogama unha boa parte dos seus esforzos.
Saúdos, Departamento de Comunicación