- Así o manifestou na última News de Sogama Arancha Mañas, xerente desta empresa familiar afincada en Mos (Pontevedra), e cuxo cometido se centra na xestión dos aceites, tanto domésticos como industriais, aos que dá un correcto tratamento para evitar o seu negativo impacto ambiental.
- Mañas chama a atención sobre a mala práctica de arroxar o aceite doméstico polo desaugadoiro do fregadero, xa que, ao arrefriarse, cambia o seu estado físico e convértese nunha pasta que orixina serios problemas nas depuradoras, co elevado custo económico asociado.
- É por isto que insiste na necesidade de introducir o aceite doméstico en botellas de plástico e levalo ao punto de recollida para que sexa tratado correctamente.
- Con todo, e máis aló da vertente industrial, PMA Nutrigras leva a cabo un importante labor no ámbito da educación ambiental, con xornadas e sesións celebradas en colexios, institutos e asociacións galegas.
Cerceda, a 7 de xuño de 2019.- PMA Nutrigras é unha empresa familiar creada fai case medio século que se iniciou na actividade comercial da man do aceite como materia prima, pero que pronto viu na valorización do aceite usado, tanto de talleres como de cociña, unha oportunidade para o crecemento e a protección ambiental.
Tal e como indica a súa xerente, Arancha Mañas Álvarez, nunha entrevista concedida á Newsletter de Sogama, “criamos na reciclaxe aínda cando nos tomaban por tolos”, ao que engade que “hoxe o tolo é o que non recicla”.
Os dous ámbitos de actividade desta firma pontevedresa están no aceite industrial, tanto o de coches como o de máquinas, e no aceite de cociña.
No caso do primeiro, Mañas advirte da necesidade de diferenciar o que se recolle en talleres mecánicos (sen mesturas) do que se recolle en industrias, onde a maquinaria leva diferente lubricantes, coa particularidade de que no proceso de fabricación chega a emulsionar con outras materias primas, provocando que o aceite usado se ensucie con partículas en suspensión ou outros elementos. Polo tanto, estes aceites retíranse por separado mediante cisternas para levar a planta e proceder á súa rexeneración.
Respecto do aceite de cociña, faise provisión do mesmo a través de bidóns, tanto en hostalaría como en centros escolares e puntos limpos e, tras un proceso de decantación e centrifugación, e de homoxeneización da acidez, prepárase o material para convertelo en biocombustible na refinería.
Chama a atención sobre a mala práctica de arroxar o aceite doméstico polo desaugadoiro do fregadero, xa que, ao arrefriarse, cambia o seu estado físico e convértese nunha pasta que orixina serios problemas nas depuradoras. De feito, o custo de eliminar un quilo de graxa en depuradora ascende a 3 euros.
É por isto que insiste na necesidade de introducir o aceite doméstico en botellas de plástico e levalo ao punto de recollida para que sexa xestionado correctamente.
Arancha Mañas congratúlase de que o sector dos residuos, en termos xerais, teña evolucionado cara á rexeneración e o cumprimento da lexislación vixente, se ben lamenta que aínda haxa empresas afastadas da ética, aínda que tamén é consciente de que a presión da lexislación está acabando coas malas prácticas.
COMPROMISO COA EDUCACIÓN AMBIENTAL
Máis aló da vertente industrial, PMA Nutrigras leva a cabo un importante labor no ámbito da educación ambiental, con xornadas e sesións celebradas en colexios, institutos e asociacións galegas. Non obstante, o seu coñecemento non o limitan a falar do seu residuo, senón do conxunto dos residuos urbanos, promovendo desta forma unha correcta selección das distintas fraccións e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes, un xesto esencial e prioritario para garantir o reciclado.
Este ano quixeron ir máis aló creando unha alianza cunha empresa de eventos e teatro que leva por nome “Barafunda” a fin de teatralizar a mensaxe de protección ambiental para que este sexa interiorizado con maiores garantías por parte do público destinatario.
Educación ambiental e promoción da reciclaxe son as bandeiras dunha empresa con historia que quere seguir sendo un referente, e orgullo, para o sector.
Saúdos, Departamento de Comunicación