- Baixo o lema “Investir nas persoas, priorizar a educación”, hoxe conmemórase o Día Internacional da Educación, unha efeméride proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en recoñecemento ao papel que a educación desempeña na paz e o desenvolvemento
- No marco desta efeméride, e nun contexto de recesión mundial, desigualdades crecentes e crise climática, incídese na necesidade de priorizar a educación para acelerar o progresocara a todos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2023.- Baixo o lema “Investir nas persoas, priorizar a educación”, hoxe conmemórase o Día Internacional da Educación, unha efeméride proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, e que se vén celebrando desde 2019 en recoñecemento ao papel que a educación desempeña na paz e o desenvolvemento.
Aproveitando o impulso mundial xerado polo Cume das Nacións Unidas sobre a Transformación da Educación, que se levou a cabo en setembro de 2022, apélase a unha forte mobilización política ao redor da educación para traducir os compromisos e as iniciativas mundiais en accións.
Nun contexto de recesión mundial, desigualdades crecentes e crise climática, incídese na necesidade de priorizar a educación para acelerar o progreso cara a todos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A UNESCO dedica este Día ás nenas e mulleres de Afganistán que se viron privadas do seu dereito á educación e pide o levantamento inmediato desta prohibición.
A EDUCACIÓN, UN DEREITO HUMANO
A educación é un dereito humano, un ben público e unha responsabilidade colectiva.
O dereito á educación está consagrado no artigo 26 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que esixe a educación primaria gratuíta e obrigatoria.
Pola súa banda, a Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada en 1989, vai máis aló ao estipular que os países deberán propiciar que a educación superior sexa accesible para todos.
Así mesmo, a educación é clave para o desenvolvemento sostible. Cando se adoptou a Axenda 2030, a comunidade internacional recoñeceu que a educación é esencial para o éxito dos seus 17 obxectivos, orientándose o número 4 a “garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa, e a promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todos”.
Así mesmo, a educación universal ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade para saír da pobreza e un camiño para alcanzar un futuro prometedor. Constitúe a base para unha sociedade xusta, igualitaria e autosuficiente, aumenta a produtividade das persoas e como consecuencia, o potencial de crecemento económico.
Sen unha educación de calidade, inclusiva e equitativa para todos e de oportunidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida, os países non lograrán alcanzar a igualdade de xénero nin romper o ciclo de pobreza que deixa rezagados a millóns de nenos, novos e adultos.
ALGÚNS DATOS SOBRE A EDUCACIÓN NO MUNDO
• 244 millóns de nenos e mozos están sen escolarizar e 771 millóns de adultos son analfabetos.
• 617 millóns de nenos e adolescentes non saben ler nin teñen coñecementos básicos de matemáticas, o mínimo para defenderse na vida cotiá.
• Nos países en desenvolvemento, o 91% dos nenos/as matricúlanse na escola, pero deles, 57 millóns non asisten á escola.
• África Subsahariana ten o récord a nivel mundial de nenos/as sen escolarizar. Menos do 40% das nenas de África Subsahariana completan os estudos de secundaria de ciclo inferior.
• Os conflitos armados e guerras impiden que os nenos/as asistan ao colexio.
• Os nenos/as refuxiados non teñen acceso ao sistema educativo formal, alcanzando a cifra de 4 millóns.
Fonte: ONU
Imaxe: Pexels