- Hoxe celébrase unha nova edición desta efeméride, impulsada polo Foro WEEE, co obxectivo de concienciar aos consumidores sobre a necesidade de posibilitar a reciclaxe deste tipo de refugallos.
- En 2019, esegundo datos de Global E-Waste Monitor, alcanzouse o récord de produción de residuos electrónicos a nivel mundial, con 53,6 millóns de toneladas métricas (Mt), un 21% máis en só cinco anos,. Estímase que, para 2030, chegarase ás 74 Mt.
- A sensibilización dos máis novos orientará as actividades deste ano, pretendendo, non só crear unha nova xeración de consumidores responsables, senón propiciar tamén que a mensaxe chegue ás súas familias, mestres e comunidades locais.
Cerceda, a 14 de outubro de 2020.- Hoxe celébrase unha nova edición do Día Internacional dos Residuos Electrónicos, impulsado polo Foro WEEE, co obxectivo de concienciar aos consumidores sobre a necesidade de posibilitar a reciclaxe dos residuos electrónicos, cun crecente incremento nos últimos anos.
De feito, en 2019, e segundo datos de Global E-Waste Monitor, alcanzouse o récord de produción destes residuos a nivel mundial, con 53,6 millóns de toneladas métricas (Mt), un 21% máis en só cinco anos, estimándose que, para 2030, chegarase ás 74 Mt.
O pasado ano, un total de 112 organizacións de 48 países participaron nesta efeméride con diversas actividades: desde conferencias ata campañas nas redes sociais.
Nesta ocasión, a temática central xirará en torno á educación a fin de sensibilizar aos máis novos sobre a problemática inherente á elevada produción de residuos electrónicos. Con isto, non só se pretende crear unha nova xeración de consumidores responsables, senón que tamén se propicia que a mensaxe chegue ás súas familias, mestres e comunidades locais.
En 2019, só o 17,4% dos residuos electrónicos globais se recolectaron e reciclaron axeitadamente, dato que evidencia a enorme perda de materias primas valiosas e críticas da cadea de subministración, ademais de ocasionar graves problemas de saúde, ambientais e sociais.
SOBRE WEEE FORUM
Trátase dunha asociación internacional que representa a corenta organizacións de produtores de todo o mundo e que pretende estar á vangarda para converter o principio de responsabilidade estendida do produtor nun enfoque de política de xestión de residuos electrónicos eficaz a través do coñecemento combinado dos aspectos técnicos, comerciais e operativos de recollida, loxística, descontaminación, procesamento e preparación para reutilización e notificación de residuos electrónicos.
Fonte e imaxe: WEEE Forum