- Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro cuxo labor é atender, de forma integral, a nenos e adolescentes con trastornos mentais.
- Foi a propia asociación, a través da súa presidenta, Ruth Gómez, quen solicitou a colaboración e apoio de Sogama e a Xunta para fomentar a participación dos pequenos na protección da natureza a través da correcta xestión dos residuos.
- Dado o alcance social desta iniciativa, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e a xefa territorial de Medio Ambiente da Coruña, Cristina Carrión, quixeron estar presentes nesta cita e entregar aos usuarios diverso merchadising corporativo como xesto de agradecemento e motivación na consecución dun medio ambiente limpo e saudable.
A Baña, a 26 de xullo de 2021.- Educadores de Sogama desprazáronse esta mañá ao municipio coruñés da Baña para impartir unha sesión formativa na sede de Anxiños, unha asociación sen ánimo de lucro cuxo labor é atender, de forma integral, a nenos e adolescentes con trastornos mentais.
Dado o gran interese desta organización en conectar aos usuarios coa natureza e facelos partícipes na protección da mesma, a súa presidenta, Ruth Gómez Vázquez, solicitou a colaboración de Sogama e a Xunta para levar a cabo unha xornada teórico-práctica con tinguiduras lúdicas na que nenos e adolescentes puidesen coñecer a problemática que trae consigo a elevada xeración de residuos e como xestionalos de forma correcta para evitar o seu negativo impacto sobre a contorna.
O MEDIO AMBIENTE COMO CANLE EDUCATIVA E SOCIAL
Dada a dimensión educativa, ambiental e social desta xornada, o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e a Xefa Territorial de Medio Ambiente da Coruña, Cristina Carrión Rodríguez, quixeron visitar este centro para mostrar o seu apoio a unha causa tan nobre e entregar aos pequenos diverso merchadising corporativo a fin de fomentar dalgunha forma a súa activa participación na consecución dun medio ambiente limpo e saudable.
Así mesmo, e dado que contan con servizo de comedor e terreo, Sogama proporcionou á asociación un composteiro, con capacidade para 400 litros, que lles permitirá elaborar, dunha forma hixiénica, cómoda e eficiente, abono natural a partir dos refugallos orgánicos. Con isto, propiciarase que interioricen o valor dos residuos e a posibilidade de transformalos en recursos, evitando o desmesurado consumo de materias primas virxes.
Domínguez Lino e Carrión Rodríguez aproveitaron a ocasión para felicitar a esta entidade, e moi especialmente á súa presidenta, Ruth Gómez, pola súa profesionalidade, compromiso, esforzo e dedicación na mellora da calidade de vida dos usuarios, preparándoos para o futuro, á vez que asesoran e orientan ás súas familias.
Tras as explicacións iniciais, as monitoras saíron ao exterior cos pequenos para que todos eles participasen na montaxe do composteiro, explicando in situ o proceso de fermentación da materia orgánica e as excelentes propiedades que o compost resultante ten para o solo, xa que o nutre, fortaléceo e mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
A filosofía de Anxiños evidencia, unha vez máis, que o coidado do medio ambiente constitúe unha excelente canle para a educación integral da poboación, un valioso instrumento de carácter social e un tesouro para mellorar a calidade de vida dos máis vulnerables.
Saúdos, Departamento de Comunicación