- Este mércores, 19 de outubro, impartirán dúas sesións formativas nas que se abordarán os pormenores da xestión sostible dos residuos municipais e o papel que os cidadáns deben desempeñar para que esta leve a cabo da forma máis eficiente e co menor gasto.
- Tamén se deterán en explicar as singularidades da recuperación da materia orgánica a través da compostaxe, tanto doméstica como industrial, a fin de convertela en abono natural de alta calidade.
Cerceda, a 17 de outubro de 2022.- Educadores de Sogama regresan este mércores, 19 de outubro, ao IES A Pinguela, de Monforte de Lemos (Lugo), para dar continuidade á formación ambiental do alumnado na xestión sostible dos residuos municipais. En concreto, impartirán dúas sesións nas que, ademais de debullar o principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) como soporte e cimento da correcta xestión e tratamento dos refugallos, abordarán os pormenores da compostaxe doméstica, na que xa vén traballando o propio concello desde hai anos, así como as particularidades do contedor marrón, que se atopa en proceso de implantación na nosa comunidade e no que os cidadáns tamén deben depositar a materia orgánica.
Mentres que a doméstica está orientada a unidades familiares que dispoñan de terreo (horta, xardín e/o terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, elaborado en moitos casos coa axuda dun composteiro (por resultar máis hixiénico, cómodo e eficiente), o contedor marrón está concibido para zonas máis urbanas e edificios de vivendas, propiciando a través do mesmo a recuperación desta fracción de refugallos.
En ambos os dous casos, o obxectivo é recuperar a materia orgánica contida nos residuos, pero con distintos procesos. Mentres que a autocompostaxe pecha in situ o círculo de reciclaxe dos restos orgánicos, aplicando o usuario o compost resultante no seu propio terreo, na compostaxe industrial, a parte orgánica recóllese de forma diferenciada a través do contedor marrón, sendo o seu destino a planta de biorresiduos máis próxima, onde recibe tratamento para ser convertida en compost.
A xornada será aproveitada igualmente para lembrar os materiais que deben e non deben depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva a fin de propiciar o seu posterior reciclado e a súa reintegración no circuíto comercial cunha nova vida, contribuíndo deste xeito ao aforro de enerxía, materias primas e custos.
Tamén se abundará nos xestos e hábitos a adoptar polos cidadáns para consumir de forma racional e responsable, diminuír a produción de residuos en orixe e alongar a vida útil dos produtos a través do seu máximo aproveitamento.
Saúdos, Departamento de Comunicación