- Felicitación de Nadal do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino
Ninguén escapa á crise e todo fai pensar que en 2023 o esforzo económico a realizar por parte de administracións, empresas e cidadáns será aínda maior, pero estou seguro de que sairemos reforzados.
En Sogama, vítima tamén da desorbitada inflación, deseñamos un plan de acción co que seguiremos garantindo a prestación dun servizo público de máxima calidade. A saúde de todos os galegos e galegas non ten prezo e por iso a protección do medio ambiente non só constitúe a nosa prioridade, senón tamén a nosa esencia e razón de ser.
O magnífico equipo humano de Sogama, que me honro en dirixir, darao todo para que nesta empresa pública sigamos progresando, innovando e mellorando a nosa xestión a fin de achegar a Galicia crecemento, emprego e benestar.
Fixemos moito e quédanos moito por facer, pero para que os nosos proxectos se convertan en realidade, tamén necesitamos o apoio da poboación. A nosa actividade está estreitamente ligada ao día a día das persoas e se estas participan activamente na correcta xestión dos residuos municipais (reducindo a súa xeración, fomentando a reutilización e propiciando a reciclaxe), a nosa tarefa será moito máis frutífera. Só lograremos converter os residuos en recursos se os cidadáns nos axudan.
E isto é precisamente o que pedimos para 2023, un ano no que poñeremos en marcha as infraestruturas que permitirán á meirande parte dos Concellos adheridos ao modelo Sogama reciclar a súa materia orgánica e convertela en compost, que regresará á terra en forma de fertilizante natural. É o propio ciclo da vida. Algo tan simple, pero tan complexo á vez, permitirá que a nosa comunidade contribúa en boa medida a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe.
Actuemos desde a corresponsabilidade e sumemos enerxía de forma eficiente por un reto común: unha Galicia con Futuro (Sostible, por suposto).
Presidente
Javier Domínguez Lino