- A diferenza das dúas anteriores e, dadas as circunstancias actuais, será virtual e servirá para tomar toma das actividades desenvolvidas polos colexios durante os dous últimos meses e axudarlles a culminar os seus proxectos.
- Algúns centros xa remitiron a Sogama as tarefas nas que viñeron traballando desde a distancia co seu alumnado para que o espírito da reciclaxe non decaese durante todo este tempo.
Cerceda, a 25 de maio de 2020.- Se ben a pandemia do Covid-19 obrigou a reorientar o programa educativo “Recíclate con Sogama” debido á suspensión da actividade escolar presencial, o certo é que a crise non impediu que profesores e alumnos dos 25 centros adscritos a esta iniciativa continuasen traballando no ámbito da reciclaxe desde a distancia.
É por isto que, Sogama, ao comezo da fase de confinamento, sacou á luz unha serie especial #EuQuedoNaCasa co #CadernoVerde, conformada por 15 unidades didácticas nas que se informaba e aconsellaba aos pequenos como facer fronte á pandemia desde os seus fogares (correcta hixiene e máxima protección), como levar á práctica os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e como separar correctamente os residuos en orixe para propiciar a súa posterior transformación en novas materias primas, proceso que trae consigo un importante aforro de enerxía e materias primas virxes.
Así mesmo, Sogama puxo a disposición de todos os colexios diversos recursos divulgativos para que a contribución ao coidado do medio ambiente tamén fose unha constante durante a cuarentena a través da xestión sostible dos residuos.
Tras unha primeira visita a cada centro o pasado mes de xaneiro por parte dos educadores de Sogama para impartir charlas presenciais, a principios de marzo realizouse unha segunda de seguimento para coñecer de preto o desenvolvemento dos proxectos, solventar dúbidas e complementar os coñecementos na materia.
Dadas as circunstancias actuais, a terceira visita, a piques de comezar, terá carácter virtual e servirá para tomar toma das actividades desenvolvidas polos colexios durante os dous últimos meses, ademais de axudalos a culminar as súas tarefas.
Algúns centros xa remitiron a Sogama as tarefas nas que viñeron traballando para que o espírito da reciclaxe non decaese durante todo este tempo.
Coincidindo co fin de curso, os colexios terán que presentar unha memoria das súas iniciativas a través da aplicación informática do Plan Proxecta na que deixará constancia do traballo materializado ao longo do curso académico 2020-2021.
Saúdos, Departamento de Comunicación