- Promovida por ACEM, terá lugar en Santiago de Compostela o próximo 9 de xuño, erixíndose nunha xornada coa que dar visibilidade a esta enfermidade e recadar fondos para atender as necesidades máis acuciantes das persoas que a padecen.
- Este evento, que alcanza a quinta edición, vai gañando en presenza e seguidores. O pasado ano saldouse cun milleiro de inscricións e a pretensión agora é superar esta cifra e incrementar a participación en todas as categorías e modalidades.
- ACEM desenvolve un labor encomiable para axudar aos enfermos e as súas familias: desde servizos de asistencia social e fisioterapia ata psicolóxicos, de formación e lecer.
Cerceda, a 2 de maio de 2019.- A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (A.C.E.M) xa se atopa traballando na organización da que será a quinta edición da Carreira e Andaina Solidarias pola Esclerose Múltiple, que terá lugar o próximo 9 de xuño en Santiago de Compostela; unha cita coa que se pretende dar visibilidade a esta enfermidade, que constitúe a primeira causa de discapacidade entre a poboación nova, así como recadar fondos para atender as necesidades máis acuciantes das persoas que a padecen, contribuíndo desta forma a mellorar a súa calidade de vida.
Este evento vai gañando en presenza e seguidores ano tras ano. A pasada edición saldouse cun milleiro de inscricións e a próxima carreira pretende superar esta cifra e incrementar a participación en todas as categorías e modalidades.
Con máis de dúas décadas de actividade, ACEM quere seguir librando esa infatigable loita contra unha enfermidade que, se ben non ten cura, co tratamento e os coidados necesarios, si se pode mellorar a vida de quen a padecen. Unha batalla sen cuartel que contempla o ámbito sanitario, o psicolóxico e a propia atención dispensada ás familias das persoas doentes. De aí que o cometido desta organización teña un carácter multidisciplinar, desempeñando un importante labor no ámbito do traballo social; no propio servizo de fisioterapia, axudando a que os enfermos manteñan durante o maior tempo posible a súa independencia e funcionalidade; na área de logopedia, cun importante papel rehabilitador en procesos cognitivos alterados como a percepción, a atención ou a memoria, así como en trastornos do fala e da voz, entre outros; e no campo da psicoloxía, proporcionando habilitades para combater o estrés diario e o control da ansiedade.
Ofrece tamén clases de pilates, axudando deste xeito ao correcto benestar físico e mental, e ata contan cun programa de golf adaptado, potenciando a autonomía persoal dos afectados, así como talleres de pintura e eventos de lecer e tempo libre. E todo isto complementado con xornadas informativas e formativas para falar da enfermidade coa máxima transparencia, para desmitificar certas cuestións vinculadas á mesma, para dala a coñecer entre a sociedade e para lograr unha mellor comprensión dos seus síntomas e os seus efectos. En definitiva, para que a esclerose múltiple non sexa unha enfermidade tabú e que todos contribuamos a abordala desde a comprensión e a máxima sensibilización.
Toda a información sobre os servizos de ACEM e a propia carreira en www.acemsantiago.org
Saúdos, Departamento de Comunicación