- Educadores desta Sociedade pública percorrerán os próximos días as catro provincias galegas para supervisar os proxectos acometidos por cada un dos 25 colexios adscritos a esta iniciativa e solventar dúbidas.
- A esta segunda visita seguiralle unha final, prevista para o próximo mes de maio, na que, adicionalmente, contemplarase unha caracterización (mostraxe) dos residuos depositados en cada un dos contedores de recollida selectiva que conforman as illas de reciclaxe escolares.
Cerceda, a 3 de marzo de 2020.- No ecuador do curso académico, e trala implantación efectiva do programa Recíclate con Sogama 2019-2020 nos centros de primaria seleccionados no seu momento a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, os educadores desta empresa pública percorrerán os próximos días as catro provincias galegas para realizar a segunda visita de seguimento aos 25 colexios participantes co obxectivo de supervisar os seus proxectos e solventar dúbidas.
Os monitores entrevistaranse de novo cos docentes coordinadores desta iniciativa en cada escola para coñecer as súas impresións, nivel de implicación da comunidade educativa, funcionamento da recollida selectiva de residuos en orixe e grao de colaboración no bo uso das illas de reciclaxe. Estas infraestruturas foron subministradas pola Sociedade pública o pasado mes de novembro a fin de que profesores e alumnos depositasen os seus residuos, xa segregados, en cada un dos contedores que as conforman (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; e verde xenérico, para a fracción resto) a fin de propiciar a súa posterior recuperación e transformación en novos produtos.
Tamén prestarán atención á evolución do proceso de compostaxe naqueles centros que solicitaron un composteiro ao dispoñer de servizo de comedor, posibilitando así a reciclaxe da materia orgánica e a posterior aplicación do abono obtido, natural e de alta calidade, nos seus xardíns ou hortas.
Igualmente, explicarán a forma de elaborar a memoria dos seus proxectos, que deben presentar vía online a través da aplicación informática do Plan Proxecta o próximo mes de xullo, especificando todas as cuestións de interese que deben ser contempladas na mesma.
É preciso recordar que, trala dotación de medios materiais (contedores e composteiros) e didácticos (presentacións, unidades didácticas, folletos, etc), técnicos de Sogama impartiron sesións formativas presenciais en todos os colexios adscritos a esta iniciativa durante o pasado mes de xaneiro.
A esta segunda visita seguiralle unha final, prevista para o próximo mes de maio, na que, adicionalmente, inclúese unha caracterización (mostraxe) dos residuos depositados en cada un dos recipientes que conforman as illas de reciclaxe para avaliar o grado de acerto e calidade dos mesmos, un factor que se terá en conta na avaliación final das memorias.
Saúdos, Departamento de Comunicación