- É a época na que máis residuos de papel e cartón se xeran, de aí que Repacar lembre a importancia que ten a colaboración cidadá para aumentar a taxa e calidade da reciclaxe
- A organización comparte unha serie de consellos para poder reciclar con responsabilidade e garantías nestas datas: reutilizar o papel e cartón, separalo correctamente en orixe, depositalo no contedor azul, reducir o nivel de impropios, encartar as caixas previamente e evitar as datas crave
Cerceda, a 26 de decembro de 2022.- Dado que o Nadal é o período do ano no que máis residuos de papel e cartón se xeran, Repacar (Asociación Española de Recicladores Recuperadores de Papel e Cartón) lembra a importancia que ten a colaboración cidadá para aumentar a taxa e calidade da reciclaxe nestas datas.
En 2021 recuperáronse en España 4,4 millóns de toneladas de papel e cartón e tan só en época do Nadal recolleuse en torno ao 20% do total. A recollida de papel e cartón realízase por dúas vías: a través dos operadores privados encargados de grandes superficies de distribución, industrias, imprentas, etc, e a través da recollida selectiva municipal (contedor azul, puntos limpos e sistema porta a porta).
En consecuencia, resulta prioritario que os cidadáns dispoñan das ferramentas necesarias para contribuír á reciclaxe e unha delas é a información e a toma de conciencia sobre a segunda vida que se pode dar a este material se se separa en orixe e se deposita no contedor axeitado.
Con este obxectivo, desde Repacar comparten unha serie de consellos para poder reciclar con responsabilidade e garantías nestas datas:
- No contedor azul só papel e cartón. O papel e cartón son reciclables ao 100% e o lugar no que deben depositarse é o contedor azul.
- Reducir o nivel de impropios mellora a calidade da reciclaxe. Os impropios son aqueles elementos e materiais que non deberían depositarse no contedor azul (plásticos, materia orgánica, téxtil, metal…) e que dificultan o tratamento posterior dese residuo. Así, para conseguir unha reciclaxe de calidade é importante que, á hora de depositar o papel e cartón, tratemos de que se atope o máis limpo posible.
- Separar correctamente. Separar os materiais previamente no propio domicilio facilita a correcta reciclaxe. Así, será moito máis sinxelo evitar impropios ou as equivocacións á hora de depositar os materiais nos seus respectivos contedores. Lembra manter seco o cartón e retirar as cintas adhesivas.
- Encartar as caixas. Os contedores teñen un espazo limitado e é importante dobrar as caixas para que ocupen o menor espazo posible. Non facelo satura o contedor e xera unha infinidade de residuos depositados ao redor do mesmo, imposibilitando que outros cidadáns poidan utilizar este recipiente e que os operadores poidan recoller correctamente o material.
- Evitar as datas crave. O día de Nadal ou o de Reis recíbense moitos agasallos e non é a mellor idea que todos os cidadáns se desfagan ao mesmo tempo das caixas e envoltorios, xa que saturan os contedores. A recomendación é facelo de forma graduada ou esperar aos días posteriores.
- Utilizar a imaxinación. Aquelas familias que teñan nenos na casa tamén poden dar unha segunda vida a todo ese papel e cartón procedente de caixas e agasallos poñéndoo ao dispor dos máis pequenos para que poidan xogar e pintar antes de levalo ao contedor azul.
SOBRE REPACAR
A Asociación Española de Recicladores Recuperadores de Papel e Cartón (REPACAR) é unha organización empresarial sen ánimo de lucro encargada da representación, promoción e defensa dos intereses das empresas do territorio español que se dedican á recuperación e/o comercialización de residuos de papel e cartón.
Saúdos, Departamento de Comunicación