- Editorial do presidente de Sogama, Javier Domínguez, correspondente ao boletín corporativo de marzo
Se hai un atributo que debe definir á empresa de hoxe en día para garantir a súa supervivencia é a capacidade de adaptación a unha contorna (ambiental, económica, normativa e social) en permanente movemento. E non só iso, tamén a súa capacidade para predicir os cambios que se aveciñan, vixiar en que medida van afectar á súa actividade e buscar fórmulas que lle permitan transformar os problemas en oportunidades. E isto, que resulta básico en calquera organización, adquire aínda máis relevancia nun servizo público esencial para a saúde e o benestar da poboación como é a xestión e o tratamento dos residuos.
Economía circular, sostibilidade, eficiencia, prevención, recuperación, reciclaxe e valorización, son, entre outros, termos que dotan de contido a ese gran reto que emerxe de fondo e que non é outro que preservar a vida, actual e futura, nun planeta cada vez máis ameazado polas malas prácticas da humanidade.
Existen fórmulas que permiten compatibilizar a actividade industrial coa protección ambiental e cada vez son máis, moitas máis, as compañías que se soben ao carro da sostibilidade, aplicando unha visión circular ao seu labor, á súa operativa e mesmo á súa cultura empresarial, poñendo en valor incluso o máis nimio. É o caso dos residuos. A súa correcta xestión non só reporta vantaxes ambientais, senón que mesmo pode representar unha interesante vía de aforro.
Converter o aparentemente inservible en algo útil, non é un acto de maxia, si de boa xestión; unha xestión que debe ser sometida a unha continua innovación acorde cos tempos, coas esixencias normativas e cun medio natural ao que se desposuíu dos seus recursos e que precisa ser restaurado.
Transformar residuos en recursos constitúe o principal labor de Sogama; un labor que cada vez debe ser máis ambicioso para devolver á nosa terra, Galicia, toda a súa esencia.
E niso estamos. Da man da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, viñemos traballando duro para que os concellos poidan dar debido cumprimento aos obxectivos europeos na valorización da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón. Ao longo deste ano 2023, e de forma progresiva, poñeremos en marcha a rede de infraestruturas, conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia de apoio) para que os 295 municipios adscritos ao noso sistema poidan converter a súa materia orgánica en compost de alta calidade, que será utilizado como fertilizante natural na agricultura e na xardinería.
Pero, malia a dedicación e o esforzo investido en facer realidade esta rede, non perdemos de vista o noso plan estratéxico 2024-2030, do que xa definimos as súas principais liñas operativas e que estarán orientadas a analizar e estudar a xestión e o tratamento de novas fraccións de residuos municipais e ao desenvolvemento dun proxecto de economía circular orientado a maximizar a recuperación dos materiais contidos nos residuos e a diminuír, aínda máis, o vertido, e todo iso reforzado coa innovación tecnolóxica e a dixitalización nas operacións industriais, onde cobrará especial protagonismo a intelixencia artificial e a descarbonización dos procesos, en liña coas directrices do Pacto Verde Europeo.
Sogama naceu hai 30 anos como empresa xestora de residuos. Hoxe, adentrada na súa fase de madurez, quere ser unha empresa xeradora de recursos.
Presidente
Javier Domínguez Lino