
- Así se pronunciou Mirta Sueiro, directora xeral de Sogama, con motivo da súa participación na presentación da 2ª edición da BF ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia
- O reto de Sogama para esta BF ten que ver coa recuperación do téxtil contido na fracción resto, explorando a viabilidade e o tratamento que habería que darlle a este residuo para que tamén sexa reciclable
- Trataríase dun proxecto con importantes beneficios ambientais, sociais e económicos, e que contribuiría de forma decidida á innovación, a competitividade e a dinamización do tecido empresarial galego
Cerceda, ao 27 de febreiro de 2025.- Con motivo da súa participación na presentación da 2ª edición da Business Factory (BF) ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia, e que tivo lugar o pasado 21 de febreiro na Cidade da Cultura, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, manifestou a intención desta empresa pública, unha das tractoras da BF, de potenciar o liderado de Galicia no sector téxtil, buscando para isto proxectos innovadores que respondan ao desafío que supón recuperar material téxtil da fracción resto (bolsa negra). Un desafío que está ligado, tal e como explicou, aos dous principais valores de Sogama: por unha banda, a sostibilidade e, por outra, a súa contribución aos retos globais da comunidade.
“A nosa intención é impulsar proxectos rexionais estratéxicos que nos permitan avanzar cara a un sector téxtil sostible que, á súa vez, xere un efecto de arrastre e de tracción económica”, subliñou Sueiro Costoya. E precisamente o reto que Sogama presentou a esta BF está orientado a explorar a viabilidade e o tratamento que habería que dispensar ao residuo téxtil contido na bolsa negra para que tamén sexa reciclable, como complemento ao procedente da recollida separada.
Conxugando medio ambiente, economía e sociedade
A directora xeral de Sogama defendeu que se trataría dun proxecto con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais. Dende a dimensión ambiental, propiciaría unha redución das cantidades de residuos enviadas a vertedoiro, minimizando ao mesmo tempo o consumo de recursos naturais ao pechar o círculo de recuperación dos materiais téxtiles.
Dende o punto de vista social, crearía postos de traballo a escala local, dando prioridade a persoas con discapacidade e en risco de exclusión, visualizándose como unha oportunidade para a inserción e a cohesión social.
E dende a perspectiva económica, erixiríase en motor de innovación, impulsando a competitividade e a economía circular na nosa comunidade. De saír adiante, traería consigo actividade económica, emprego e dinamización do tecido empresarial.
Apoio institucional
O acto de presentación da segunda edición de BF ClimaTech contou coa intervención institucional de Covadonga Toca, directora xeral do Igape, e a participación de Josefa de León e Ana Botas, presidenta e xerente de Viratec respectivamente, ademais de representantes das entidades tractoras, como é o caso de Coregal, Finsa, Grupo Gestán, Valtalia, Vertex, Viaqua e Sogama.
Así mesmo, Agrolinera e Wastex expuxeron as súas experiencias de proxecto na primeira edición.
Saúdos, Departamento de Comunicación