- Científicos da Universidade de Cantabria descubriron a interrelación entre o cambio climático e o aumento da enerxía das ondas.
- O incremento de enerxía acumulada no océano pode ter negativas consecuencias nas zonas costeiras.
Cerceda, 14 de febreiro de 2019.- Un grupo de investigadores do instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria publicou un estudo na revista Nature Communications, no que demostran que a enerxía das ondas do océano estívose incrementando a nivel global, como consecuencia directa do quecemento das capas superficiais do mar.
Este indicador súmase así a outros que se viñeron empregando no estudo do cambio climático: o aumento da temperatura, da concentración de dióxido de carbono e outros gases de efecto invernadoiro, do nivel medio do mar ou a perda de volume de xeo.
A principal novidade do estudo radica en que descubriu que os aumentos na altura das ondas non se producen unicamente en zonas localizadas do océano, como se cría ata o de agora, senón que a transferencia de enerxía do vento á superficie do mar, que se traduce na ondada que chega ás nosas costas, non fixo máis que aumentar desde 1948 en todos os océanos.
Os investigadores tamén descubriron que a enerxía da ondada está directamente relacionada coa temperatura superficial do océano; e que o incremento desa temperatura provoca un aumento na enerxía das ondas.
AFECCIÓN ÁS ZONAS COSTEIRAS
A acción da ondada é un dos principais axentes a ter en conta na protección dos sistemas naturais e socioeconómicos da zona costeira, pola súa incidencia nas inundacións, a erosión, a navegación, o deseño de infraestruturas e a saúde e supervivencia dos ecosistemas.
De maneira que as análises dos riscos derivados do cambio climático que só teñan en conta o aumento do nivel do mar, en lugar de considerar tamén a enerxía das ondas, poden conducir á adopción de medidas de protección insuficientes ou inadecuadas.
Convén ter ben presentes as consecuencias que os eventos climáticos extremos ocasionaron xa nas zonas costeiras, como os acaecidos durante o inverno de 2013 a 2014 nas costas europeas do Atlántico Norte ou durante a tempada de furacáns de 2017 no Caribe, porque todo fai presaxiar que este tipo de sucesos repetirase no futuro, ata con maior intensidade.
Fonte: Universidade de Cantabria
Saúdos, Departamento de Comunicación