- Se ben máis de 150 países recoñeceron legalmente o dereito humano a un medio ambiente saudable, consideran necesario intensificar o labor informativo sobre as diversas medidas a aplicar para defendelo.
- A alianza buscará tamén incrementar o apoio aos gobernos nacionais para promover políticas baseadas nos dereitos humanos, particularmente en termos de xestión sostible dos recursos naturais, planificación do desenvolvemento e accións para combater o cambio climático.
Cerceda, a 29 de agosto de 2019.- En días pasados, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e a Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos asinaron en Xenebra un novo acordo de cooperación para reforzar o seu traballo conxunto na promoción e protección dos dereitos ambientais e humanos.
Se ben máis de 150 países recoñeceron nas súas constitucións, leis nacionais, xurisprudencia ou mediante acordos rexionais o dereito humano a un medio ambiente saudable, considérase necesario intensificar o labor informativo dirixido á sociedade no seu conxunto (responsables políticos, institucións de xustiza e público en xeral) sobre as diversas medidas a aplicar para defender este dereito.
A alianza buscará tamén incrementar o apoio aos gobernos nacionais para promover políticas baseadas nos dereitos humanos, particularmente en termos de xestión sostible dos recursos naturais, planificación do desenvolvemento e accións para combater o cambio climático.
Durante a firma do acordo, a Directora Executiva do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, Inger Andersen, manifestou que un medio ambiente saudable é vital para cumprir a nosa aspiración de asegurar que as persoas vivan unha vida digna en todas partes.
Pola súa banda, a Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, fixo unha chamada aos líderes e gobernos para que recoñezan que o cambio climático e a degradación ambiental socavan severamente os dereitos humanos dos seus pobos, particularmente aqueles en situacións vulnerables, incluídas as futuras xeracións.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación