-
O seu obxectivo é mellorar significativamente a circularidade, o rendemento enerxético e outros aspectos de sostibilidade ambiental dos produtos comercializados na UE
Cerceda, a 22 de xullo de 2024.- O novo Regulamento sobre deseño ecolóxico entrou en vigor para case todas as categorías de bens físicos que chegan ao mercado da UE. Baséase na Directiva sobre deseño ecolóxico vixente, que actualmente só cobre os produtos relacionados coa enerxía, sendo o seu obxectivo mellorar significativamente a circularidade, o rendemento enerxético e outros aspectos da sostibilidade ambiental dos artigos comercializados na Unión Europea.
O ecodeseño, que se ocupa da integración de consideracións ambientais en todas as etapas do desenvolvemento dun produto, resulta fundamental nun mundo no que existe unha gran demanda de produtos eficientes e sostibles como forma de reducir o consumo de enerxía e recursos.
A UE leva moito tempo traballando neste ámbito. Exemplo disto é a etiqueta enerxética que aparece nas lavadoras ou frigoríficos. Con todo, a sostibilidade ambiental é algo máis que a eficiencia enerxética e, coa aprobación do regulamento, un produto sostible terá que presentar unha ou varias das seguintes características:
• Utiliza menos enerxía
• Dura máis
• Se pode reparar facilmente
• As pezas pódense desmontar facilmente e reutilizar
• Contén menos substancias preocupantes
• Pódese reciclar facilmente
• Está conformado por máis contido reciclado
• Ten unha menor pegada de carbono e ambiental ao longo do seu ciclo de vida
Igualmente, o Regulamento introduce medidas para prohibir a destrución de produtos téxtiles e calzado non vendidos, e abre a posibilidade de ampliar prohibicións similares a outros sectores, se as probas demostran que son necesarias.
As empresas tamén terán que publicar nos seus sitios web información anual, coma o número e o peso dos produtos que refugan, así como as razóns para facelo.
A pretensión desta nova lei é beneficiar ás empresas, aos consumidores e ao medio ambiente. De feito, só en 2021, o impacto das actuais medidas de deseño ecolóxico, que abarcan 31 grupos de produtos, aforrou 120.000 millóns de euros en gasto enerxético aos consumidores da UE e deu lugar a unha redución do 10 % do consumo enerxético anual dos produtos contemplados.
Fonte e imaxe: Comisión Europea