- Un informe da AEMA apunta a que o procesamento e a destrución de téxtiles devoltos ou non vendidos son responsables de ata 5,6 millóns de toneladas de emisións de GEI equivalentes a CO2, unha cifra lixeiramente inferior ás emisións netas de Suecia en 2021
Cerceda, a 12 de marzo de 2024.- Un novo informe da AEMA que leva por título “The destruction of returned and unsold textiles in Europe´s circular economy”, e que está apoiado por un informe técnico do Centro Temático Europeo sobre Economía Circular e Uso de Recursos da propia Axencia Europea de Medio Ambiente, ofrece unha visión xeral do coñecemento existente sobre os téxtiles devoltos e non vendidos en Europa.
Aínda que os datos son dispersos, suxírese que, ao redor do 4% ao 9% de todos os produtos téxtiles comercializados no mercado europeo, destrúense sen sequera utilizarse para o fin previsto. Segundo o documento, pódese estimar que o procesamento e a destrución de téxtiles devoltos ou non vendidos son responsables de ata 5,6 millóns de toneladas de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) equivalentes a CO2, unha cifra lixeiramente inferior ás emisións netas de Suecia en 2021.
Estudos recentes indican que, ao redor do 20% da roupa e o 30% do calzado comprados en liña na UE, son devoltos polos clientes e, en torno ao 70% destas devolucións, débense a un mal axuste ou estilo. Con todo, a AEMA sinala que só ao redor do 3% das emisións nocivas para o medio ambiente dos tÉxtiles proveñen da distribución e a venda polo miúdo, o que significa que, mesmo un proceso de devolución longo e complicado, probablemente sexa beneficioso para o medio ambiente, se conduce á revenda do produto.
O informe afirma que se necesitan tanto regulacións como políticas específicas para reducir as devolucións dos clientes e os produtos non vendidos. Ao mesmo tempo, é necesario abordar o problema sistémico da sobreprodución e a destrución na industria téxtil.
Recentemente, deuse un paso positivo co acordo da UE para prohibir a destrución de pezas, complementos de vestir e calzado non vendidos (con certas exencións para pequenas, micro e medianas empresas), como parte do 'Regulamento de Produtos Sostibles' de Ecodeseño.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pexels