- Estes galardóns enmárcanse nun dos programas estrela deste centro “Coidemos a nosa contorna” a través do cal se recoñece o traballo de limpeza e orde do alumnado de ESO.
- Ademais da súa contribución ao bo estado do instituto, a Dirección móstrase convencida de que estudar nun ambiente limpo e agradable mellora o clima de convivencia e propicia un maior rendemento escolar.
- Tal é a implicación medioambiental deste centro que, no ano 2019, foi recoñecido co premio “Ecovaledor”, entregado polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, poñendo así de relevo o compromiso do Instituto co desenvolvemento sostible.
Cerceda, a 30 de decembro de 2019.- Na súa decidida aposta por contribuír á protección da contorna a través da educación ambiental das próximas xeracións, que desempeñarán un importante papel no camiño cara á sostibilidade, o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo) continúa cun ambicioso plan académico que vai máis aló da materias obxecto de estudo, toda vez que inclúe a formación integral en valores tales como a solidariedade, a igualdade, o compañeirismo, a empatía e o respecto, entre outros moitos.
Con carácter previo ás vacacións de Nadal, e no marco do seu programa estrela “Coidemos a nosa contorna”, no que se inclúe o concurso “Aulas Limpas” para o alumnado de ESO, entregou os galardóns ás aulas máis pulcras, ordenadas e concienciadas coa preservación da contorna, que resultaron ser as de 3º de ESO B e 2º de ESO A. Detrás deste recoñecemento hai un gran esforzo diario, xa que é o propio profesorado, xunto co persoal de limpeza, o que avalía de forma permanente a situación das aulas, emitindo o veredicto ao final de cada trimestre.
O bo facer dos dous grupos (estudantes e titores) foi distinguido cun diploma e con distintos agasallos, algúns deles artigos de merchandising aportados por Sogama, reforzando así a sensibilidade medioambiental da comunidade educativa.
Ademais da súa contribución ao bo estado das aulas, a Dirección móstrase convencida de que traballar nun ambiente limpo e agradable mellora o clima de convivencia e propicia un maior rendemento escolar.
Pero esta é tan só unha das múltiples accións que este instituto exemplar en toda Galicia leva a cabo desde o punto de vista ecolóxico. Tal é o a súa implicación que o centro recibiu a mediados deste año o premio “Ecovaledor”, entregado polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, ao director do centro, José Manuel Valcarce López, poñendo así de relevo o compromiso do IES Xograr Afonso Gómez co desenvolvemento sostible.
Porque a súa achega medioambiental transcende as Aulas Limpas, levando a cabo multitude de iniciativas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos, á loita contra o cambio climático, ás enerxías renovables e á economía circular, entre outras.
O concepto de Ecoescola ou Escola Verde cobra neste centro sarriano todo o seu sentido. Unha das súas últimas iniciativas así o acredita: “Non Nadal goza, agasalla e reutiliza a esgalla”.
Saúdos, Departamento de Comunicación